RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel e Poroto Lux queren un Dépor "intenso"

Pepe Mel asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que está a preparar aos futbolistas branquiazuis "para que se deixen de lamentacións, de lamerse feridas, de mirar o que pasou. O que pasou é que temos 19 puntos. Esa é a realidade".

O técnico deportivista apunta que "o que máis me gustou é a predisposición de todos. Para min un club de fútbol non só son os xogadores, que son os principais, pero falo do Club. O Dépor en 48 horas que levo aquí demostroume que é un club familiar, magnífico. A xente cóidase unha doutra e iso é algo que vale ouro. E eu son unha persoa que estivo en moitos clubs".

Por contra, cre Mel que "temos un problema en canto a que Guilherme ten catro cartóns, Celso ten catro cartóns. Na vida pensei nun partido saltándome outro. Nunca o fixen. Pero dá que pensar", en referencia ao encontro de mañá xoves 2 de marzo en Riazor ante o Atlético de Madrid (20:45, Bein Sports); e o do domingo 5 de marzo no Molinón ante o Sporting (12:00, Bein Sports).

Quere o adestrador madrileño un Deportivo "intenso, que ninguén se reserve nada. Se o equipo está intenso e xoga ao cento por cento, e logo resulta que hai tres que caen para Xixón, benvido sexa. Significará que sacamos un bo resultado seguro".

Está convencido Pepe Mel que os xogadores "van dar todo para que eu estea contento co seu traballo e plasmen as ideas que xa onte empezamos a tentar que collesen".

Ve aos futbolistas "con ganas de achegar cousas, de mostrarse, de querer saír da situación".

Na súa opinión, "o Dépor é un equipo confeccionado desde inicio para outra cousa. Os xogadores verse metidos aí pode ser un problema. Eu o que quero é que reaccionen co tempo suficiente para que o final de temporada non sexa o que se presupón pola puntuación que levamos agora".

Pola súa banda, Poroto Lux, tamén en rolda de prensa, pide "estar concentrados, con intensidade ata que o árbitro pite o final".

Ao seu xuízo, Gaizka Garitano "non é só o responsable desta situación, de que teñamos 19 puntos, que sexan números moi malos. Somos todos. Desde a cabeza do Club ata todos os xogadores, que somos os protagonistas".

Asegura que "lle debemos moito á nosa xente, á afección. Queremos estar xuntos e poder sacalo adiante, que non teño dúbidas que o Deportivo se vai a manter en Primeira División".