RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Por motivos familiares, Mauro decide non regresar a España

Mauro Silva tomou a difícil decisión de deixar o Deportivo da Coruña e non regresar a España. O xogador, que chegou fai oito tempadas ao Club, pediu a Augusto César Lendoiro non volver ao Club por cuestións persoais e familiares de importancia que xa o ob

O Real Club Deportivo, ante esta solicitude de Mauro tan reiterada, decidida e insistente porque non atopa outra solución aos seus asuntos, non lle pode negar esta petición despois do servizo que prestou durante todos estes anos e máis cando é por temas totalmente extradeportivos.

Nestes momentos non hai ningún outro equipo e a partir de agora o Deportivo buscaralle un club a Mauro para que poida seguir xogando fóra de España.

O xogador enviou ao presidente do Real Club Deportivo da Coruña unha carta de despedida para todos os afeccionados e amigos que deixou na cidade e que reproducimos integramente a continuación:

Ata sempre

Circunstancias da vida obrigan ás veces a tomar decisións que á parte de imprevisibles son dolorosas.

No cénit da miña carreira, asuntos persoais obríganme a afastarme da Coruña e do Deportivo, na súa tempada máis ilusionante. Unha cidade e un club que colmaron todas as miñas ilusións, os meus afectos e as miñas esperanzas. Cheguei con vinte e catro anos, recentemente casado e sabendo moi pouco da vida, con ganas de aprender e de fincarme nesta entrañable terra.

O Deportivo era unha promesa, un proxecto do presidente Lendoiro que sorprendeu a España, a Europa e ao mundo enteiro.

Desde o primeiro día acolléuseme con agarimo e eu creo que souben corresponder coa miña entrega e traballo, para entre todos, lograr o que conquistamos, a Copa do Rei 1995 e a liga 2000, algo inimaxinable anos antes.

Un ilustre ex-compañeiro de equipo dixo que el cría ser algo máis que un xogador para A Coruña, eu teño que dicir o mesmo. Xamais fun máis feliz que na miña longa etapa coruñesa, no plano deportivo e no cidadán. Sabido é que desde o principio vivín no centro da cidade gozando da súa beleza e a súa gastronomía.

Aquí a miña muller e eu tivemos o máis importante da nosa vida, un fillo, un coruñés que nos unirá para sempre a esta cidade. Deixo aquí amigos da alma -non dou nomes, eles saben quen son- e a Pena "Mauro Silva", entusiasta e numerosa. En fin, aquí queda parte do meu corazón e da miña vida.

Na miña etapa deportivista alcancei a máis alta meta profesional, ser Campión do Mundo con Brasil, e logrei con orgullo obter a nacionalidade española.

Todo foi bo e irrepetible. Mesmo cando houbo momentos malos -aquelas dúas serias lesións que me tiveron paralizado un bo número de partidos- o Deportivo non me abandonou e o presidente Lendoiro renovoume, sen ter en conta que podería non volver ser o xogador que fora. O seu comportamento foi exemplar e deume a moral suficiente para sobreporme, rexurdir e deixar aquilo como un mal soño. Durante estes anos a Xunta Directiva, os adestradores e como non, os xogadores apoiáronme, respectaron e quixeron, pero non menos que eu a todos eles.

O Concello, a Universidade, os medios de comunicación e todas as entidades locais tiveron sempre deferencias comigo, e claro, os cidadáns que me paraban pola rúa e en especial os deportivistas, os miles de afeccionados que facían nublar os meus ollos cada vez que coreaban o meu nome en Riazor.

Acabo dando mil grazas ao Deportivo e a toda A Coruña. Ao club deséxolle que repita na liga, e que en Europa chegue todo o máis alto posible. Á cidade que siga sendo tan acolledora e cálida.

Coruñeses, deportivistas, quérovos a todos.

Asinado: Mauro Silva