RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Presentado o XIX Memorial Moncho Rivera que se disputa o xoves ás 20 h. en ABANCA-RIAZOR

A Cervecería de Estrella Galicia en Catro Camiños acolleu esta mañá a presentación do XIX Memorial Moncho Rivera que pon punto final ao Torneo do Victoria cun partido en ABANCA-RIAZOR entre o Dépor e o Corinthians (xoves 5 de outubro, 20:00 h.). Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Tino Fernández, presidente do RC Deportivo, Juan Vázquez, presidente da Victoria e Carlos Nei, conselleiro do Corinthians, interviñeron nun acto no que todos coincidiron en destacar o importante labor social deste evento.

Ademais do chamamento á participación e asistencia a todos os afeccionados ao fútbol da cidade polo caracter solidario do torneo, tamén quixeron lembrar emocionados as figuras de Ramón Rivera e de Alberto Martí, presidente da Cociña Económica, recentemente falecido.

A recadación íntegra da venda de entradas do partido doarase á propia Cociña Económica e ao Banco de Alimentos da Coruña, dúas organizacións de gran impacto social para a cidade. Por este motivo, os socios do Real Club Deportivo non poderán acceder cos seus carnés anuais ao Estadio ABANCA-RIAZOR, debendo comprar entradas benéficas.

As entradas poden adquirirse a través do sistema de venda de entradas en liña de Abanca e nos despachos de billetes do Pazo de Deportes de Riazor. O mércores 4, de 16:00 a 21:00 h., e o xoves desde as 10:00 e ata o comezo do encontro.

Ademais, poden reservarse as entradas de maneira anticipada na Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), os clubs afeccionados da comarca da Coruña e nas Peñas Deportivistas.

O importe da entrada é de 10 euros para as localidades de Tribuna e de 5 euros para as situadas en Preferencia, Marathon e Pavillón, sendo gratuíta para os nenos menores de 14 anos, previa retirada de invitación en despachos de billetes.

Así mesmo, poden realizarse doazóns 'Fila 0' a través do sistema de venda de entradas en liña de Abanca e mediante transferencia bancaria ao número de conta: E53 2080 0064 9830 4001 2243.

O Torneo Victoria “Memorial Moncho Rivera” rende homenaxe á figura de D. Ramón Rivera Riguera, pertencente á terceira xeración da familia propietaria de Hijos de Rivera e un dos impulsores do Torneo na súa orixe, debido á súa estreita vinculación coa Victoria CF.

En 2009, o Club quixo recoñecer o labor do seu impulsor en apoio ao deporte de base, recuperando este campionato co seu nome e a esencia dos seus primeiros anos, co apoio de Corporación Hijos de Rivera.