RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Primeira derrota branquiazul (1-2)

O Deportivo sufriu a súa primeira derrota da temporada fronte a un RC Celta de Vigo B que defendeu con uñas e dentes a vantaxe que adquiriu na primeira metade, na que curiosamente o Deportivo mostrou o mellor fútbol no que vai curso pero foise en desvantaxe no marcador.

Non foi a primeira vez que o Deportivo se mediu ao filial olívico en competición oficial. Os branquiazuis xa se enfrontaron ao segundo equipo celeste na Temporada 1974-1975, a única da historia do Club en Terceira División, cando aínda non existía a Segunda B. O conxunto B celeste era entón a Gran Peña Celtista, ao que o Deportivo venceu na 2ª xornada, o 15 de setembro de 1974 en Riazor (2-1), e co que empatou na 21ª, o 2 de febreiro de 1975 en Balaídos (0-0).

A única novidade no once inicial foi o regreso do uruguaio Nacho González, que ocupou a posición que en Pasarón estivo en mans de Gandoy.

A primeira metade arrancou con maior dominio deportivista, aínda que o primeiro disparo a porta non chegou até o minuto 16. Naquel momento, un zurdazo de Nacho González desde o bordo da área saíu por encima do traveseiro. Poucos instantes despois, Rolan e Borges trenzaron unha preciosa triangulación pola zona dereita do ataque coruñés, pero o lanzamento final do uruguaio perdeuse pola liña de fondo, excesivamente cruzado.

Os branquiazuis non puideron aproveitar un agasallo visitante no minuto 20. Rolan quedou só ante Sequeira, lixeiramente escorado, e preferiu ceder o coiro para a chegada de Borja Galán ao punto de penalti. Ao madrileño escapóuselle un pouco o control e non puido precisar o seu disparo, que acabou en córner.

O conxunto vigués estirouse entón. Primeiro cun frouxo e desviado disparo do suízo Zoran Josipović. E, un minuto máis tarde, cun disparo de Alfon que, despois de recortar cara á súa perna boa, puxo o balón no pau contrario, lonxe do alcance de Carlos Abad, para adiantar ao seu equipo.

O Deportivo seguiu co seu plan adiante e continuou mandando no partido. Borges disparou coa esquerda desde a medialuna, pero o coiro foise moi alto. Mellor foi a seguinte acción, na que un perfecto centro do costarriqueño desde a dereita peiteouno Rolan no primeiro pau e remachouno na área pequena, coa súa bota esquerda, Borja Galán, para igualar a contenda.

Os branquiazuis puideron adiantarse no minuto 35. Borges entrou desde atrás en ruptura, unha vez máis pola dereita, a pase de Nacho González. O 'tico' quixo poñer un pase da morte para Rolan pero o gardameta visitante despexouno a córner coa súa perna dereita.

E con todo, na súa segunda chegada, o Celta B fixo o seu segundo gol. Foi unha acción de ataque na que un centro desde cada banda non atopou nin remate nin despexe. O segundo deles caeu a pés de Alfon, que cun disparo similar ao do 0-1 estableceu o 1-2.

Antes do descanso, Borges tivo na súa cabeza a posibilidade de restablecer a igualada, pero a súa cabezada nun córner lanzado por Nacho González perdeuse lambendo o pau dereito do portal vigués. Deste xeito, o descanso produciuse con, inexplicablemente, vantaxe provisional da formación visitante.

Na segunda metade, o Deportivo foi baixando o seu notable rendemento en canto á elaboración de accións de ataque. A primeira opción clara chegou no minuto 53, cando Borges cabeceou no segundo pau un bo centro de Salva Ruiz. Pero a cabezada do costarriqueño atopou a cabeza dun adversario e marchouse a saque de esquina.

O Celta B foise estirando, sobre todo en saídas ao contragolpe. Unha delas, no minuto 62, concluíuna Pampín cun duro dereitazo raso que Carlos Abad detivo sen problemas. Pouco despois, Fernando Vázquez decidiu dar entrada a Rui Costa por Nacho González. A permuta non significou cambio de esquema, posto que Rolan foise á banda esquerda e desde alí pasou á dereita Borja Galán.

Josipović tentou sorprender a Carlos Abad desde moi lonxe. O seu disparo por baixo perdeuse preto do pau dereito da portería herculina. Corría o minuto 68. A resposta do Dépor produciuse catro minutos máis tarde. Rui Costa abriu cara á esquerda para a chegada desde atrás de Salva Ruiz, que empalmou un duro zurdazo. Excesivamente centrado, o disparo do valenciano atrapouno con seguridade o porteiro visitante.

O técnico deportivista realizou un triplo cambio a un cuarto de hora a conclusión. As substitucións home por home supuxeron esta vez unha modificación do debuxo táctico. Álex Bergantiños adiantouse á medular para acompañar a Borges, con Gandoy e Borja Galán nos costados e Rui Costa e Rolan como parella de ataque.

Rui Costa tentouno cun durísimo centro-chute desde a dereita, no minuto 80, pero o porteiro visitante fíxose coa pelota en dous tempos. Nos instantes finais, os branquiazuis non puideron embotellar ao seu rival, que buscou acabar o partido con continuas perdas de tempo. Aínda así, cando se ía a cumprir o minuto 90, Borja Granero e Borja Galán fixeron unha parede nun balón centrado cara ao extremo dereito. O defensa internouse na área pero o seu zurdazo estrelouse no lateral da rede da portería contraria.

Deste xeito, os branquiazuis sofren a primeira derrota do curso, pero mantéñense nos postos de vangarda da clasificación ante o parón do Nadal. O campionato voltará o 10 de xaneiro de 2021 en Zamora.

RC Deportivo: Carlos Abad, Bóveda (Valín, min. 74), Mujaid, Álex Bergantiños, Borja Granero, Salva Ruiz (Héctor Hernández, min. 74), Nacho González (Rui Costa, min. 64), Uche Agbo (Gandoy, min. 74), Borges, Borja Galán e Rolan (Beauvue, min. 86).

RC Celta de Vigo B: Sequeira, Ferrarés, Lucas, Carlos Domínguez, Pampín, Bruninho (Iker Losada, min. 83), Markel, Jordan Holsgrove, Alfon, Manu Justo e Josipović (Gabri Veiga, min. 76).

Goles: 0-1 Alfon (min. 24); 1-1 Borja Galán (min. 28); 1-2 Alfon (min. 39).

Árbitro: Román Román (c. castelán-leonés). Expulsou por dobre amarela ao técnico deportivista Fernando Vázquez (min. 53 e 88). Cartóns amarelos a Josipović (min. 57), Bóveda (min. 65), Markel (min. 88), Sequeira (min. 89) e Alfon (min. 90+1).

Incidencias: partido da 8ª xornada do Grupo I Subgrupo A da Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con capacidade limitada a 1.000 espectadores debido á pandemia de COVID-19.