RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Primeira sesión da semana de Os Nosos no Dépor Training Center con Yeremay facendo tarefas co grupo

O Dépor comezou este martes 17 de marzo a preparar a visita do Real Zaragoza a ABANCA-RIAZOR prevista este sábado 21 ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas).

O conxunto branquiazul encara unha nova semana de competición situado en postos de ascenso directo a LaLiga EA Sports.

Desde o 16 de decembro de 2018 (18ª xornada da temporada 2018-19), na que o triunfo precisamente por 3-1 en ABANCA-RIAZOR ante o conxunto aragonés supuxo sumar 35 puntos e situarse na 2ª posición, nunca estivo o Dépor tan preto de Primeira División como agora, tamén 2º con 52 puntos na 30ª xornada da 2025-26. Por certo, 1 punto menos a falta de 12 partidos que os sumados en toda a temporada 2024-25.

Nunha asollada mañá no Dépor Training Center, Yeremay sumouse ao grupo e realizou con normalidade practicamente toda a sesión.

Por contra, Loureiro está con adestramento personalizado por mor da forte contusión sufrida o pasado sábado en Ceuta. As probas médicas confirmaron unha escordadura no seu nocello dereito. A súa evolución nos próximos días marcará a súa dispoñibilidade.

Tampouco estivo David Mella, que se atopa en Madrid para ser avaliado polo doutor Manuel Leyes da lesión no seu xeonllo esquerdo sufrida no encontro ante o Granada CF.

O corpo técnico dispuxo, após unha activación con rondos, un primeiro exercicio táctico e fútbol reducido, de alta intensidade.

Hugo Ríos, Noé, Bil e Samu foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Por primeira vez, o Dépor adestrouse cuns balóns que forman parte da campaña VS RACISM, que demostra o firme compromiso da LFP para erradicar calquera forma de discriminación no fútbol e na sociedade.

Este mércores 18 de marzo Os Nosos adestraranse de novo a partir das 10:30 no Dépor Training Center.