RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Primeiro asalto entre Xuvenil A e Sevilla FC por unha praza na Final Four da Copa de Campións, mañá en Abegondo

O Xuvenil A e o Sevilla FC ven mañá domingo 12 de maio as caras no partido de ida dos cuartos de final da Copa de Campións, paso previo á Final Four desta competición que reúne aos campións dos 7 grupos da División de Honra e ao mellor 2º de todos eles.

O partido xogarase ás 12:00 no campo principal de Abegondo e será retransmitido en directo pola canle oficial de Youtube do RC Deportivo.

Os pupilos de Manuel Pablo proclamáronse campións do grupo 1º e os sevillistas, do grupo 4º con 8 puntos de vantaxe sobre o 2º clasificado, o Real Betis Balompié.

En rolda de prensa esta semana o preparador branquiazul advirte que o Sevilla FC "non perdeu ningún partido, con moi poucos goles en contra, 15, pero deses 5 foron as 3 últimas xornadas, cando se sabía primeiro".

O Xuvenil A recupera a dous futbolistas que estiveron durante a temporada en dinámica do Fabril: Mardones e Kevin Sánchez (na foto da noticia). Este último, que estivo concentrado até o mércores coa selección española sub-19 na localidade alacantina de Alfaz del Pi, foi ademais o pichichi do filial en Segunda Federación con 8 goles.

Completan a convocatoria estes futbolistas: Román, Rodrigo, Vilela, Pablo Parada, Carreira, Zoe, Álvaro, Domínguez, Guerrero, Álex Delgado, Hugo Torres, Amin, Ayman, Pablo García, Manu Ferreiro, Carletto, Martiño, Samuel Fernández, Héctor e Lucas.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar as localidades e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar un asento e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición da bancada nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado o sistema de entradas para o público en xeral (nesta ocasión tamén gratuítas), a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro.

O adestrador deportivista espera na bancada "o que sempre tivemos en situacións destas, en Copa del Rey e cando houbo partidos importantes. Espero que #ANOSAFORZA vainos a dar enerxía e que nós nos aproveitemos desa enerxía, que a imos a ter seguro. Non creo nin que haxa que facer chamamento porque a xente, cando houbo este tipo de partidos, veu a apoiarnos e nós sentímonos con ese plus para poder dar todo".

Ademais desta eliminatoria, completan a ida dos cuartos de final estes emparellamentos: 

UD Las Palmas 0 - Real Betis 3
Levante UD - Atlético de Madrid, mañá domingo ás 12:00
Athletic Club 1 - Real Mallorca 0

/* Bot imbee */