RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Primeiro día de Ibai Gómez en Abegondo como deportivista

Ibai Gómez foi a novidade esta mañá no adestramento matinal do Deportivo na Cidade Deportiva.

O futbolista vasco, última incorporación do Dépor, chegou onte domingo á Coruña, pasou probas médicas esta mesma mañá con Quirónsalud A Coruña e xa se puxo ás ordes de Borja Jiménez na sesión matinal, única finalmente hoxe luns ao suspenderse a vespertina.

Tal e como estaba previsto, Ibai completou co grupo a primeira parte da sesión; do mesmo xeito que Trilli. A continuación ambos seguiron a súa xornada co readaptador Álex Canosa e os fisioterapeutas Daniel Varela e Rubén Barreiro.

Tamén se reincorporaron ao grupo Isi Gómez e Borja Granero; mentres que Héctor e Roberto Olabe continúan con traballo personalizado.

Yeremay e Mella foron esta mañá a representación de #ANOSACANTEIRA.

Após un quecemento e unha roda de pases, o corpo técnico dispuxo un exercicio táctico, un circuíto de forza supervisado polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca, e fútbol en espazo reducido.

Para concluír, Borja Jiménez dividiu ao seu cadro en dous grupos. Mentres unha parte realizaba unha tarefa aeróbica a cargo dos preparadores físicos, o técnico traballou coa liña defensiva as accións de xogo directo. No horizonte está xa a terceira cita da Dépor Xira Integral Motion 2022, este mércores 3 de agosto ás 18:30 na Magdalena de Vilalba ante a SD Ponferradina.

Avecíñase máis esixencia ante o equipo berciano, que quedou a temporada pasada a tan só 5 puntos de disputar o playoff de ascenso a Primeira División.

Como o resto de partidos de pretemporada, dentro da Dépor Xira Integral Motion, o encontro retransmitirase en directo a través da canle oficial de Youtube do Club grazas ao patrocinio de Integralmotion.es.

As entradas custan 10 euros, véndense anticipadamente para grupos a través do teléfono 600 799 853, de forma anticipada nas oficinas do club lucense e o propio día do partido nos despachos de billetes do Estadio da Magdalena.

Mañá martes 2 de agosto haberá un único adestramento para o cadro, a partir das 19:00 horas en Abegondo.