RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Primeiro tropezón de #ASNOSAS en Abegondo (0-2)

O Dépor ABANCA sufriu a súa primeira derrota da temporada en Abegondo, despois de 7 vitorias e 1 empate, ante un CP Cacereño Femenino que volveu superar, como na ida en terras estremeñas (daquela por 4-0), ás pupilas de Irene Ferreras.

Ás branquiazuis custoulles superar a presión alta na primeira metade do CP Cacereño Femenino, un equipo moito máis físico pero que tamén trata con delicadeza o balón. O conxunto estremeño é unha auténtica selección mundial, con xogadoras de catro continentes no seu once inicial: tres españolas, tres xaponesas, dúas colombianas, unha chilena, unha estadounidense e unha nixeriana.

A pesar de todo, a primeira ocasión do partido tívoa o Dépor ABANCA. Foi no minuto 11, nunha acción individual de Ainhoa Marín, que correu en diagonal por campo contrario e deixou de tacón para Charle. A soriana probou fortuna disparando ao primeiro toque desde o extremo esquerdo, á dereita do portal estremeño.

Precisamente no saque de porta tivo o Dépor ABANCA a súa mellor ocasión de todo o encontro. As estremeñas xogaron en curto e Millene roubou a pelota dentro da área á nipoa Ayaka Noguchi pero a brasileira estrelou o seu disparo contra as pernas da gardameta Tatiana.

Achegouse con perigo pero sen rematar o CP Cacereño Femenino pero na súa primeira chegada clara abriu o marcador, mediado o primeiro acto. Un centro desde a dereita da chilena Bárbara Santibáñez empuxouno ao fondo das mallas, soa no segundo pau, a nixeriana Edna Imade. As dúas extremas visitantes intercambiaran as súas posicións poucos minutos antes.

No minuto 33, un centro-chute de Ayaka Noguchi atrapouno sen problemas Yohana e dous minutos despois, un duro disparo pero demasiado centrado desde 25 metros de Ainhoa Marín capturouno Tatiana en dous tempos.

No minuto 36, Millene gozou doutra boa oportunidade. A dianteira deportivista quedou man a man con Tatiana após un gran pase interior de Ainhoa Marín, pero a porteira desviou cos pés o seu remate. Ao bordo do descanso, Carlota Suárez inventouse un dereitazo cruzado por baixo que Millene non chegou a desviar por pouco e atrapou a gardameta visitante.

A segunda metade arrancou moito máis equilibrada, con algo máis de control deportivista. Con todo, os achegamentos só chegaron a balón parado. No minuto 58, unha falta directa de Monteagudo atallouna con seguridade Inés, que no descanso substituíra a Tatiana, lesionada. Catro minutos despois, a gardameta suplente do CP Cacereño Femenino despexou a córner unha falta directa escorada de Paula Gutiérrez.

O equipo estremeño sacou a relucir toda a súa experiencia con constantes perdas de tempo e infraccións, sobre todo agarróns, cada vez que unha xogadora branquiazul gañaba a acción. Tiveron as xogadoras de Ernesto Sánchez a oportunidade de abrir brecha no marcador no minuto 75, cando Yohana tapou un man a man con Edna Imade que roubara o esférico a Inés Altamira.

Paula Gutiérrez disparou alto no minuto 78 e no 81, senllos centros consecutivos, de Charle e Ainhoa Marín, paseáronse pola área sen atopar rematadora.

Coas numerosas baixas, a alternativa en ataque foi Inés Altamira, que pasou a xogar en punta trala entrada de Lorena Reina, que se situou no centro da defensa xunto a Raquel García. O cambio non forneceu efecto porque nada máis realizarse, o CP Cacereño Femenino fixo o 0-2, no minuto 83. María Jesús cabeceou ao pau un centro de Edna Imade desde a esquerda e o rexeite remachouno a chilena Sonya Keefe.

Co 0-2, o Dépor ABANCA tirou de corazón para buscar unha xesta, pero aínda que encerrou ao seu rival, non atopou o camiño da portería.

Con esta primeira derrota en Abegondo, no inicio da segunda volta, as branquiazuis seguen con 31 puntos, pero perden o liderado, provisionalmente en mans do CP Cacereño Femenino, que suma tamén 31, e á espera do duelo de mañá domingo entre SD Eibar (30 puntos) e DUX Logroño (28).

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo, Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 82), Letti, Paula Gutiérrez, Charle (Lorena Reina, min. 82), Millene e Carlota Suárez (Eva Dios, min. 72).

CP Cacereño Femenino: Tatiana (Inés, min. 46), Hitomi Tanaka, Mireia, Leivis Ramos, Midori Yoshimura, Jenna Holtz, Ayaka Noguchi (Sara, min. 55), Castañeda (Elsa Guerra, min. 86), Edna Imade, Nerea (Keefe, min. 65) e Santibáñez (María Jesús, min. 65).

Goles: 0-1 Edna Imade (min. 23); 0-2 Keefe (min. 83).

Árbitra: Cecilia Laura Muñoz di Giovambattista (c. catalán). Cartón amarelo a Nerea (min. 24), Paula Gutiérrez (min. 26) e Leivis Ramos (min. 58).

Incidencias: partido da 16ª xornada de Primera Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.