RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Punto gañado con suor no Tartiere (1-1)

O Deportivo gañouse con suor un novo punto no Estadio Carlos Tartiere de Oviedo, no que que volveu disputar un partido oficial case 18 anos despois, nun choque no que o correúdo equipo local adiantouse pronto e que equilibrou un novo tanto de Quique, o máximo goleador dun equipo branquiazul que se equiparou en intensidade aos locais.

Natxo González, técnico branquiazul, volveu rotar en abundancia o seu once inicial con respecto ao da pasada xornada, que empatou sen goles ante o UD Almería no Estadio ABANCA-RIAZOR. Pablo Marí, Saúl, Fede Cartabia, Borja Valle e Christian Santos deixaron o seu sitio a Somma, Diego Caballo, Álex Bergantiños, Quique e Carlos Fernández.

A pesar de comezar mandando no partido o Dépor, o Oviedo adiantouse no marcador na primeira ocasión de todo o encontro. Bárcenas remachou coa cabeza un balón solto na área coruñesa após un remate de Joselu a centro de Saúl Berjón desde o extremo esquerdo.

Ramón Folch, aos 18 minutos, tivo a ocasión de ampliar a vantaxe para o conxunto local, após un contragolpe conducido por el mesmo e que concluíu cun novo servizo de Saúl Berjón. O centrocampista azulón chegou apurado ao segundo pau, onde se lanzou ao chan para rematar o coiro ao lateral esquerdo da rede da portería de Dani Giménez.

Na seguinte acción, o Deportivo achegouse por primeira vez con perigo aos dominios de Nereo Champagne. Quique desbordou a Alanís despois dun servizo en profundidade de Álex Bergantiños e tratou de entregar un pase da morte a Carlos Fernández. Co meta local superado, Forlín adiantouse ao atacante deportivista para desbaratar o perigo.

No minuto 26, Champagne afogou o berro de gol dos máis de 3.000 deportivistas que alentaron ao equipo no Novo Tartiere. O porteiro arxentino sacou unha man inverosímil a un potente zurdazo raso de Quique desde a frontal da área. O esférico acabou en saque de esquina.

Doce minutos máis tarde, os branquiazuis volveron acariñar o gol. Foi un longo e preciso ataque, no que o coiro pasou polas botas de Domingos Duarte, Quique e Pedro, antes de acabar nas de Diego Caballo. O centro do lateral esquerdo non atopou rematador de cabeza, pero chegou, no segundo pau, a David Simón. O carrileiro dereito sacouse un centro-chute cruzado ao que Carlos Fernández, completamente só no pau contrario, non chegou por moi pouco.

Coa vitoria pola mínima do equipo ovetense chegouse ao descanso. Após el, saltaron ao terreo de xogo os mesmos 22 protagonistas.

Recentemente superado o minuto de xogo do segundo período, o Oviedo tivo unha boa oportunidade nun libre directo lonxano que botou Saúl Berjón. O seu violento dereitazo marchouse por pouco á dereita do portal de Dani Giménez que, de todos os xeitos, tiña controlada a situación.

O Deportivo dispuxo pouco despois, no minuto 49, dunha falta similar, pero ao lado contrario, perfilada para un zurdo. Carlos Fernández tomou a responsabilidade. O disparo do andaluz, ben colocado pero non demasiado potente, agarrouno Champagne lanzándose cara á súa esquerda.

O dominio do Dépor acrecentouse no inicio do segundo período até o punto de que chegou o tanto do empate. No minuto 53, Carlos Fernández serviu un milimétrico centro por baixo desde o extremo esquerdo para a chegada en carreira de Quique desde atrás. O pichichi branquiazul, esta vez si, puxo o balón lonxe do alcance de Champagne cun suave toque co seu pé dereito para asinar o seu tanto número 14 en LaLiga 1|2|3.

Lonxe de caerse, o conxunto asturiano reaccionou con celeridade e nos seguintes minutos mantivo un control permanente, chegando en numerosas oportunidades á área coruñesa e provocando numerosos saques de esquina. Aínda que sen chegar a poñer a proba en ningún momento a Dani Giménez.

Natxo González tratou de reactivar ás súas tropas cun dobre cambio. Álex Bergantiños e Pedro abandonaron o terreo de xogo para deixar o seu sitio a Vítor Silva e Fede Cartabia.

Aos 71 minutos, Diego Caballo empalmou coa súa perna dereita un rexeite após unha longa acción á saída dun córner. O disparo do lateral salmantino marchouse por moi pouco á esquerda do marco de Champagne.

No minuto 78, os branquiazuis acariñaron o 1-2 nunha fenomenal combinación de todo a fronte de ataque. Diego Caballo centrou longo para a chegada de Vicente Gómez ao segundo pau. O canario deixouna de cabeza cara ao centro, cun bote que superou a Champagne. No poste contrario, Quique non puido precisar o seu croque, co balón demasiado morto e dous defensas locais literalmente enriba.

O Oviedo respondeu tres minutos máis tarde cun contragolpe que concluíu cun frouxo zurdazo de Saúl Berjón desde o bordo da área. Dani Giménez atallou a pelota sen problemas.

Xa dentro do tempo engadido, Saúl Berjón tentou sorprender a Dani Giménez nun escorado libre directo. O porteiro deportivista voou para rexeitar o balón a saque de esquina.

Con este empate, o Dépor alcanza os 54 puntos, cos que unha semana máis continúa no grupo de cabeza de LaLiga 1|2|3, a só 4 puntos da segunda posición, de ascenso directo, que ocupa o Granada CF.

Real Oviedo: Champagne, Forlín, Alanís, Christian Fernández, Carlos Martínez, Ramón Folch, Jimmy, Mossa (Ibrahima Baldé, min. 71), Bárcenas, Joselu (Toché, min. 84) e Saúl Berjón.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Somma, Diego Caballo, Didier Moreno, Álex Bergantiños (Vítor Silva, min. 67), Vicente Gómez, Pedro (Fede Cartabia, min. 67), Carlos Fernández (Borja Valle, min. 76) e Quique.

Goles: 1-0 Bárcenas (min. 10); 1-1 Quique (min. 53).

Árbitro: Soto Grao (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Mossa (min. 45), Christian Fernández (min. 50), Ramón Folch (min. 57), Álex Bergantiños (min. 59) e Champagne (min. 86).

Incidencias: partido correspondente á 32ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio Carlos Tartiere ante uns 18.000 espectadores, con máis de 3.000 afeccionados deportivistas nas bancadas.