RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Quiles confesa estar "con moitas ganas de afrontar o que queda, que é o máis bonito"

Alberto Quiles manifestou esta mañá, após recoller o Premio Estrella ao mellor xogador do Dépor do pasado mes de abril, que este parón ligueiro motivado a que tocaba visita ao desaparecido Extremadura UD veu ao cadro "moi ben. Era algo que sempre é necesario, ver aos teus amigos, á túa familia. Eu persoalmente desde verán non baixaba a Huelva porque en Nadal non puiden baixar e a verdade que xenial. Agora con moitas ganas de afrontar o que queda, que é o máis bonito".

Despois de seis partidos consecutivos marcando, o ariete branquiazul desexa "alargar a xeira todo o que se poida, que iso é bo para min e para o equipo porque ao final os goles son vitorias e son puntos".

Confesa que sería "un orgullo" volver marcar este sábado 14 de maio ante o CD Tudelano en ABANCA-RIAZOR e igualar así a Bebeto ou a Lucas Pérez, aínda que lembra que "esa xente o facía en Primeira División. Estou a verdade moi contento polo ano que estou a facer e por iso tentarei alargar a xeira o máximo"; consciente de que "agora é o máis bonito e o máis importante".

De feito, desvela que lle gustaría ser o pichichi dos dous grupos porque "para min persoalmente é un orgullo; pero tampouco estou obsesionado. Sei que o importante é ascender, que é o que nos vai a dar vida a nós".

Advirte Quiles que no outro grupo, o 2º, "hai equipos bos como este" e ten claro que "o que nos toque vai ser complicado", polo que lle dá igual quen poida ser ese rival nas semifinais do play off.

Preguntado polo CD Tudelano, rival de quenda este sábado en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, TVG-2, Footters e Fuchs-Sports) e xa descendido a Segunda RFEF, indicou que "non temos que mirar ao rival. Se nós estamos ben e xogamos como xogamos estes partidos anteriores e máis aquí en ABANCA-RIAZOR, estaremos máis preto de gañar. É verdade que vén descendido, pero meteulle tres (3-0) ao Racing de Santander a semana pasada. Non temos que fiarnos de nada e saír como estes partidos anteriores".

O pichichi deportivista móstrase "encantado" de que o Dépor xogue o play off en ABANCA-RIAZOR: "O equipo en casa está a responder moi ben e encima se nos toca xogar o play off en casa perfecto".

Avoga pola recuperación definitiva de Trilli, que leva xa varias sesións co grupo: "Que se recupere ben, que estivo moito tempo parado; e que vaia collendo sensacións boas; que el se vexa con esa confianza, que non lle desbasta o pé e que nos poida axudar porque o necesitamos".

Tamén ve "ben" a Miku, un dos seus compañeiros en ataque: "Se vedes os adestramentos xa está o mesmo de sempre. É verdade que terá ganas de marcar, pero como todos os dianteiros". "Estou seguro que nos vai a axudar moitísimo e en canto meta vai coller esa confianza que lle vai a axudar a meter outra vez goles, a axudarnos nos play off. É un pedazo de xogador".