Racing 0 - Deportivo 3<br>Vitoria deportivista no Sardinero
O Deportivo goleou ao Racing no Sardinero e regresa á cidade herculina con tres importantísimos puntos que permiten aos de Caparrós seguir mirando os primeiros postos da clasificación.
Empezou o partido no Sardinero cun Deportivo ben plantado no campo, que buscaba as xogadas de perigo e non deixaba facer ao Racing. Ao dezaseis minutos de xogo Diego Tristán adiantaba aos branquiazuis no marcador tras un pase de Capdevila. Tras o gol os de Caparrós deixaron o control do partido nas botas dos cántabros, que se achegaron con perigo á portaría de Molina en varias ocasións aínda que sen fortuna.
Na segunda parte, os de Caparrós volveron tomar as rendas do xogo, aínda que o Racing tentaba buscar a portaría herculina. Pero de novo foi o Deportivo o encargado de anotar, esta vez un tanto en propia porta de Moratón. Tras este gol, aos 50 minutos, o Racing deu o partido practicamente por perdido e o Deportivo aumentou a súa conta goleadora cun tanto de Taborda. O ariete volvería anotar outro gol anulado por fóra de xogo. Finalmente 0 a 3 no marcador, o Deportivo en postos europeos e o bo sabor dunha vitoria, máxime fóra de casa.