RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

RC Deportivo e Escuelas Luis Calvo Sanz, campións do XVIII Torneo RC Deportivo

O Benxamín A do RC Deportivo e o Escuelas Luis Calvo Sanz Prebenxamín proclamáronse campións do XVIII Torneo RC Deportivo, que se disputou na Cidade Deportiva de Abegondo ao longo deste venres 17 de maio, Día das Letras Galegas.

O Benxamín A branquiazul superou no partido definitivo ao Rápido de Bouzas por 6-2. Os semifinalistas foron o RC Celta de Vigo, que caeu na quenda de penaltis (3-1, tralo 1-1 no tempo regulamentario) ante os seus veciños gualdinegros, e o Deportivo B, que sucumbiu fronte ao A deportivista (3-0). O Benxamín A branquiazul sumou o seu sexto éxito no Torneo RC Deportivo tralos logrados en 2013, 2014, 2016, 2017 e 2019.

Minutos antes, Club Rápido de Bouzas e Escuelas Luis Calvo Sanz protagonizaron a final Prebenxamín, resolta con goleada polo conxunto de Carballo (4-0). En semifinais apearan a Laracha CF (4-0) e UD Ourense (6-0), respectivamente. O conxunto bergantiñán converteuse así no primeiro bicampión do torneo en categoría Prebenxamín, despois de que as seis primeiras edicións rexistrasen seis campións distintos.

O Rápido de Bouzas, a pesar de perder ambas as finais, converteuse hoxe no primeiro equipo que alcanza o partido polo título en ambas as categorías desde que en 2015 empezase a disputarse o trofeo Prebenxamín en lugar do Alevín que se xogou desde 2004 até 2014.

O XVIII Torneo Real Club Deportivo, que volveu celebrarse o pasado ano trala interrupción entre 2020 e 2022 pola pandemia mundial de Covid-19, congregou a 160 equipos (72 prebenxamíns e 88 benxamíns) pertencentes a 63 clubs de toda Galicia, co que participaron no mesmo máis 2.000 rapaces e rapazas.

Os partidos arrincaron ás 9:00 horas e estendéronse durante case 12 horas, até as 20:00, hora á que concluíu a final Benxamín. Os terreos de herba natural da cidade deportiva dividíronse en 17 campos nos que se disputaron nada menos que 299 partidos.

Polas instalacións do RC Deportivo pasaron máis de 10.000 persoas, que ademais de gozar dunha inesquecible xornada de fútbol tiveron á súa disposición unha ampla área de recreo e restauración, que ocupou boa parte do terreo de xogo de herba artificial, coa presenza de patrocinadores do Torneo e do Club, como ABANCA, Gadis, Cabreiroá, Kappa, DéporTienda, Auga de Parada, La Santa Bar, Ontime, Quirónsalud, Breogán Motor, DIGI ou OWQLO.

/* Bot imbee */