RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Recta final para o Dépor ABANCA con primeira parada mañá sábado en Lezama ante o Athletic Club B para volver gañar

O Dépor ABANCA encara a recta final da competición en Primera Federación Iberdrola coa visita mañá sábado 13 de abril ás 18:45 ao Athletic Club B en Lezama.

O partido, como todos os da temporada en casa, poderase seguir en directo na canle de Youtube do RC Deportivo.

Con 9 puntos en xogo, As Nosas son segundas na táboa con 49 puntos, a 2 puntos do FC Barcelona B, líder con 51 pero que non pode ascender debido á súa condición de filial. Por detrás vén o RCD Espanyol, 3º con 45 puntos.

En rolda de prensa, Irene Ferreras asegurou que "temos que ir alí a gañar, a volver gañar porque é o que nos leva gustando toda a temporada, o equipo sabe facelo, temos argumentos, capacidade".

A adestradora branquiazul ten á súa disposición a todo o cadro salvo as lesionadas Ayaka e Cris Martínez, neste caso a consecuencia dunha escordadura de xeonllo.

A maiores, Elena Vázquez e Lucía Rivas son as dúas representantes de #ANOSACANTEIRA na lista de 18 convocadas.

No partido da primeira volta disputado en Abegondo o pasado 9 de decembro venceron As Nosas por 4-2, con goles de Ainhoa Marín, ADT -2- e unha futbolista rival en propia meta nun partido no que as vascas chegaron a ir con vantaxe no marcador por 0-2.

Precisamente o filial branquivermello, que na última xornada caeu (3-2) na súa visita ao Atlético de Madrid B, é 13º na táboa con 17 puntos.

En Lezama esta temporada o Athletic Club B non coñece a vitoria posto que empatou co CD Fundación Osasuna Femenino (2-2), Deportivo Alavés (0-0), Madrid CFF B (1-1), Atlético de Madrid B (1-1), CE Europa (1-1), CD Alba Fundación Femenino (0-0) e Alhama CF (0-0); e perdeu co DUX Logroño (0-2), SE AEM (0-1), RCD Espanyol (0-3) e Cacereño Femenino (0-1).

As Nosas realizaron esta mañá unha última sesión de traballo antes de viaxar por estrada ao País Vasco con esta folla de ruta:

Venres 12 de abril
10:30: Adestramento en Abegondo
12:10: Saída do autocar da Cidade Deportiva
19:05 (hora aproximada): Chegada ao hotel NH La Avanzada en Leioa (Biscaia)

Sábado 13 de abril
18:45: Athletic Club B - Deportivo ABANCA, en Lezama (campo 8)
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

As Nosas adestraranse de novo o luns 15 a partir das 9:15 no ximnasio de Abegondo antes de saltar ao campo ás 10:00.