RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Resultados en #ANOSACANTEIRA e calendario para mañá domingo, coa atención no Fabril

Mañá domingo 24 de abril a atención en #ANOSACANTEIRA é para o Fabril, que recibe ás 18:00 na Cidade Deportiva ao Rápido de Bouzas na última xornada da liga regular.

Os fabrilistas son sétimos con 50 puntos, a 1 punto das dúas últimas prazas de playoff de ascenso que ocupan precisamente o CD Barco (4º) e o Rápido de Bouzas (5º).

O filial masculino ten que gañar si ou si a un rival que tamén necesita puntuar para asegurarse a súa praza; e esperar a que o Racing Villalbés (6º con 50 puntos) non gañe no Couto ao Ourense CF, que se xoga o ascenso directo co Polvorín FC.

Óscar Gilsanz recupera a Iván Guerrero, quen no partido en Arnoia fracturouse os ósos propios do nariz pero perde a Barba, sancionado pola súa expulsión do último partido na Estrada. Completan a convocatoria: Alberto, Brais Suárez, José Currás, Iano Simão, Juan Rodríguez, Dani Barcia, David Suárez, Brais Val, Javi Sanmartín, Mario, Fabio, Runy, Víctor, Mella, Juan Cambón, Davo, Nájera e Jairo.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo para o partido.

Deben retirar as últimas entradas dispoñibles, exclusivamente de maneira telemática, non habendo retirada ou venda en despacho de billetes o día de partido, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de aforamento, repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

A afección do Rápido de Bouzas debe contactar directamente co seu Club para xestionar as entradas postas á súa disposición.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

O filial deportivista celebrou esta semana a convocatoria de David Mella coa selección española sub-17. O canteirán anotou o pasado martes un dos catro goles que España lle fixo a Francia e o xoves xogou completo o segundo amigable ante o conxunto galo na Ciudad del Fútbol de Las Rozas.

Mañá domingo 24 de abril en Abegondo, ademais do Fabril, o Alevín recibe ás 12:00 ao SD Residencia no Trofeo Conservas Calvo de fútbol once.

Fóra, a quenda será para o Orzán SD Xuvenil Feminino (ás 12:00 en Vigo ante o Atlántida de Matamá), o Orzán SD Infantil Feminino (ás 12:00 en Gondomar ante o Lóstrego CF), o Xuvenil A (ás 12:30 en Nigrán ante o ED Val Miñor Nigrán) e o Cadete (ás 12:00 en Ourense ante o Pabellón CF).

Sete equipos tiveron cita ligueira hoxe sábado 23 de abril. De todos eles, xogouse en Abegondo un só partido, o do Infantil ante o Cidade de Ribeira CF (7-2), correspondente á 4ª xornada na Segunda Fase polo Ascenso e o Título Galego. Tamén xogou en casa, neste caso en San Pedro de Visma 2, o Orzán SD Cadete Feminino ante o Lóstrego CF (6-1), que certificou unha praza na final da Liga Galega Cadete. Na ida da semifinal disputada fai quince días en Gondomar, o triunfo tamén foi orzanista: 2-4.

Como visitante competiron unicamente o Xuvenil B ante o CD Areosa (1-2 en Vigo) e o Deportivo ABANCA B ante o Umia CF (1-0 en Ribadumia), no último partido de liga para o filial feminino.

Kevin Cabado non puido contar con Reigosa, Tati e Paula Novo, convocadas polo primeiro equipo para medirse en Valladolid ao CD Parquesol.

Entre as citadas estivo Abril Pazos, futbolista do Orzán SD Cadete Feminino que este luns se incorpora a uns adestramentos coa selección española sub-15.

O Depor ABANCA B finaliza en sexta posición de Primeira Nacional despois de que moitas das súas xogadoras entrasen habitualmente nas convocatorias do primeiro equipo: Tati, Noela, Paula Monteagudo, Reigosa e Paula Novo, entre outras.

Dous equipos, Xuvenil B e Infantil, abriron o pasado mércores 20 de abril con distinta sorte o calendario semanal de #ANOSACANTEIRA. Os seus partidos de liga corresponderon á xornada disputada na súa maior parte a pasada fin de semana, data na que ambos os conxuntos tiveron cita amigable en San Sebastián e Cascais, respectivamente.

O Xuvenil B, en plena pelexa polo título da Liga Nacional, caeu de forma inmerecida (1-3) en Abegondo co Pabellón Ourense CF B; mentres que o Infantil, na terceira xornada da Segunda Fase de Ascenso e do Título, venceu (0-2) en Bertamiráns.

Finalmente ten descanso esta semana o Fabril FC Benxamín na penúltima xornada no subgrupo A de Primeira A Coruña.

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Terceira RFEF
34ª xornada (última): FABRIL - RÁPIDO DE BOUZAS, o domingo 24 de abril ás 18:00 en Abegondo

Categoría feminina
Primeira Nacional, 26ª xornada (última): UMIA CF 1 - DEPORTIVO ABANCA B 0

Fase de Descenso de Primeira División, subgrupo 1º, 5ª xornada: ATLÁNTIDA MATAMÁ - ORZÁN SD XUVENIL FEMININO, o domingo 24 de abril ás 12:00 no campo Penedo da Moo (Vigo)

Semifinal da liga Galega Cadete, volta: ORZÁN SD CADETE FEMININO 6 (Maca González -3-, Ana Capelo, Lucía Mariño e Paula Sánchez) - LÓSTREGO CF 1. Na ida: 4-2

Fase polo Título Galego, 7ª xornada: LÓSTREGO CF - ORZÁN SD INFANTIL FEMININO, o domingo 24 de abril ás 12:00 na Gándara (Chaín, Gondomar)

Categoría xuvenil
División de Honra, 30ª xornada: ED VAL MIÑOR NIGRÁN - XUVENIL A, o domingo 24 de abril ás 12:30 en Condomínguez (Nigrán)

Liga Nacional, 28ª xornada: XUVENIL B 1 (Mardones) - PABELLÓN OURENSE CF B 3
Liga Nacional, 29ª xornada: CD AREOSA 1 - XUVENIL B 2 (Montero e Pedro)

Categoría cadete
Fase polo Título da División de Honra, 5ª xornada: PABELLÓN OURENSE CF - CADETE, o domingo 24 de abril ás 12:00 no campo dos Remedios (Ourense)

Categoría infantil
Segunda Fase de Ascenso á División de Honra e Título Galego, subgrupo norte, 3ª xornada: BERTAMIRÁNS FC 0 - INFANTIL 2 (Leandro -2-)
Segunda Fase de Ascenso á División de Honra e Título Galego, subgrupo norte, 4ª xornada: INFANTIL 7 (Iker Casuso -4-, Mosquera, Borja e Hugo) - CIDADE DE RIBEIRA CF 2

Categoría alevín
Trofeo Conservas Calvo de fútbol once, subgrupo norte, 7ª xornada: ALEVÍN - SD RESIDENCIA, o domingo 24 de abril ás 12:00 en Abegondo (campo 6)

Segunda Fase A Coruña, subgrupo 1º, 7ª xornada: XESUITINAS 1 - ALEVÍN A 7 (José Quiroga -2-, Raúl -2-, Martín Forján, Iago Varela e Lucas Vázquez)

Segunda Fase A Coruña, subgrupo 2º, 7ª xornada: VICTORIA CF 3 - FABRIL FC ALEVÍN 3 (Mario González -2- e Leo Sánchez)

Categoría benjamín
Primeira A Coruña, subgrupo A, 17ª xornada: BENXAMÍN A 4 (Martín López -3- e David Gómez) - URAL ESPAÑOL CF 0