RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Resultados en #ANOSACANTEIRA hoxe sábado e calendario para mañá, con Fabril, Dépor ABANCA B e Xuvenil A en Abegondo

Interesante xornada a de mañá domingo 6 de marzo en #ANOSACANTEIRA, con partidos do Fabril, Deportivo ABANCA B e Xuvenil A en Abegondo; e do Orzán SD Xuvenil Feminino na Torre.

O filial masculino regresa á competición após ver aprazados por COVID os seus partidos ante a SD Sofán, correspondente á 25ª xornada (domingo 27 de febreiro) e ante o CD Choco da 22ª xornada (martes 1 de marzo).

Agora será a Xuíza de Competición a que fixe unha nova data para a disputa dos mesmos "o máis próxima posible no tempo axiña se acrediten todas as circunstancias para a disputa do mesmo".

Os pupilos de Óscar Gilsanz enfróntanse ás 12:00 no campo principal da instalación branquiazul ao SD Juvenil de Ponteareas.

O técnico fabrilista citou a estes xogadores: Alberto, Brais Suárez, José Currás, Iano Simão, Juan Rodríguez, Dani Barcia, David Suárez, Brais Val, Javi Sanmartín, Mario, Barba, Fabio, Runy, Víctor, Mella, Yeremay, Davo, Nájera e Martín Ochoa.

O adestrador do Fabril asegura que o seu equipo está "con ganas de competir despois de case 20 días sen poder xogar. Durante a semana nótase as ganas que ten". Ademais, Óscar Gilsanz advirte que o SD Juvenil de Ponteareas "fai moi bo fútbol. Gústalle ter o balón, xunta moita xente na zona de balón e ten profundidade con xente rápida e de calidade na zona de ataque. Ao principio fixo máis puntos, agora baixou un pouco ese ritmo pero os partidos que lle vimos en case todos estivo máis preto de gañar que de perder, independentemente do resultado final".

O Club mantén activo o protocolo de apertura, con rexistro de asistentes, da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado, deberán portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).

En canto ao filial feminino, o Deportivo ABANCA B, ten un choque de altura (16:30) ante o PM Friol, líder da Primeira Nacional con permiso do Viajes InterRías, que é segundo pero cun partido menos que as lucenses.

Kevin Cabado, técnico deportivista, citou a todo o seu cadro, incluídas as convocadas esta tarde co primeiro equipo: Nuria Gómez, Elena López 'Cusi', Paula Novo, Paula Monteagudo e Tati. Son baixas por lesión Aroa Guerra, Reigosa e Uxía Cabada. Ademais, están convocadas do Orzán SD Xuvenil e Cadete Feminino: Lucía Mariño, Uxía Rabuñal, Laura Otero e Abril Pazos.

Mañá domingo tamén xogan en casa dous equipos que están a cinco puntos do liderado das súas categorías: o Xuvenil A ante o CD Lugo (12:00, campo 3 de Abegondo); e o Orzán SD Xuvenil Feminina fronte ao SD O Val (16:00 na Torre 1).

Hoxe sábado 5 tiveron cita o Xuvenil B ante o Racing de Ferrol (2-1); e fóra de casa o Cadete (3-5 en San Tirso), Infantil (0-2 en Viveiro) e Orzán SD Cadete Feminino (5-3 en Vigo ante o Sárdoma CF).

O Alevín deportivista comezou onte venres con triunfo en Abegondo (9-1) ante o Atlético Coruña Montañeros CF, a XII edición do Trofeo Conservas Calvo de fútbol once.

O cadro branquiazul terá estes rivais no grupo norte, ademais do citado Atlético Coruña Montañeros CF: CD Lugo, CD Calasanz, Racing de Ferrol, San Tirso SD, Victoria CF, SD Residencia, Galicia Caranza e ED Luis Calvo Sanz.

O formato de competición nesta primeira fase será de liga todos contra todos a unha soa volta. Os tres primeiros clasificados acceden á Fase Final, que se disputará, cos tres primeiros do grupo sur, nas Eiroas (Carballo) nunha única xornada.

Outro equipo que inicia fase esta fin de semana en #ANOSACANTEIRA é o Orzán SD Infantil Feminino. As orzanistas arrancaron cunha gran vitoria (0-1) en Mos a pelexa polo título galego infantil.

Os tres primeiros clasificados do subgrupo 1º (Victoria CF, Orzán SD Infantil Feminino e Victoria FC) pelexarán nunha liga todos contra todos, ida e volta, cos tres primeiros equipos do subgrupo 2º (UD Mos, Lóstrego CF e Umia CF).

Serán 10 xornadas para decidir o campión e tense en conta a puntuación da fase inicial.

Finalmente, Alevín A e Fabril FC Alevín descansan posto que están á espera de coñecer os seus rivais na segunda fase en fútbol oito. Os dous acabaron como campións no subgrupo A e B de Primeira A Coruña, respectivamente.

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Terceira RFEF
26ª xornada: FABRIL - SD XUVENIL DE PONTEAREAS, o domingo 6 de marzo ás 12:00 en Abegondo

Categoría feminina
Primeira Nacional, 21ª xornada: DEPORTIVO ABANCA B - PM FRIOL, o domingo 6 de marzo ás 16:30 en Abegondo

Primeira División Galega, subgrupo A, 17ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL FEMININO - SD O VAL, o domingo 6 de marzo ás 16:00 na Torre (campo 1)

Liga Galega Cadete, 15ª xornada: SÁRDOMA CF 5 - ORZÁN SD CADETE FEMININO 3 (Ana Capelo -2- e Paula Sánchez)

Fase polo Título Galego Infantil, 1ª xornada: UD MOS 0 - ORZÁN SD INFANTIL FEMININO 1 (Yanis Citoula)

Categoría xuvenil
División de Honra, 23ª xornada: XUVENIL A - CD LUGO, o domingo 6 de marzo ás 12:00 en Abegondo (campo 3)

Liga Nacional, 22ª xornada: XUVENIL B 2 (David López e David Domínguez) - RACING DE FERROL 1

Categoría cadete
División de Honra, subgrupo A, 20ª xornada: SAN TIRSO SD 3 - CADETE 5 (Noe, Guerrero -2- e Jorge García -2-)

Categoría infantil
Liga Galega, subgrupo B norte, 19ª xornada: VIVEIRO SD 0 - INFANTIL 2 (Borja e Frank)

Categoría alevín
Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, grupo norte, 1ª xornada: ALEVÍN 9 (Raul -3-, José Quiroga, Nico, Iago Varela, Guille, Pablo Vara e Antón) - ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS CF 1

Categoría benxamín
Primeira A Coruña, subgrupo A, 11ª xornada: BENXAMÍN A 2 (Hugo Pousa e David Gómez) - CD CALASANZ 0

Primeira A Coruña, subgrupo A, 11ª xornada: ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS CF 1 - FABRIL FC BENXAMÍN 4 (Miguel Candal, Pablo Sánchez, Mateo Carballeira e Thiago López)