Despois do maratón de partidos de hoxe sábado, mañá domingo ás 12:00 o Fabril, líder de Tercera RFEF, mídese en Abegondo ao UD Paiosaco H. Añón. Será o primeiro encontro da segunda volta para os xogadores que dirixe Óscar Gilsanz.
O técnico fabrilista convocou a estes futbolistas: Brais Suárez, Hugo Ríos, Currás, Marcel, Iano Simão, Fito, Dani Barcia, Puerto, Brais Val, Rubén, Jairo, Barba, Marc, Nájera, Iván, Diego Gómez, Martín Ochoa, Iñaki e Jesús Ares.
O Club mantén activo o protocolo de apertura con control de accesos á Cidade Deportiva para o partido, que se poderá ver na canle de YouTube do RC Deportivo.
Todo o público debe retirar entrada, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional para todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición, localización e aforamento na instalación. O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100% telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
E na Torre, o Orzán SD Xuvenil Feminino mídese ao Victoria FC B (16:00) e o Orzán SD Cadete B Feminino ao Cultural Maniños (18:00 horas) no punto e final a esta xornada ligueira.
Hoxe sábado o filial feminino, o Dépor ABANCA B, dobregou (3-0) ao Victoria FC de Santiago. Abril Pazos, cadete do Orzán SD, estreouse como goleadora branquiazul. Marta Rico e Laura Otero completaron o marcador.
Esta semana, #ANOSACANTEIRA volve estar de parabén posto que Elena Vázquez, participou o pasado xoves coa selección española sub-17 nun amigable ante Alemaña, saldado con triunfo hispano (4-0).
Con 15 anos e con ficha do Orzán SD Cadete de Liga Galega, a defensora é titular no Orzán SD Xuvenil Feminino de Primeira Autonómica (categoría sénior) e tamén goza de minutos no Deportivo ABANCA B, por exemplo esta tarde, sendo titular.
Así mesmo, Kevin Sánchez e Manu Berrocal, futbolistas do Xuvenil A, están citados para un amigable da Selección Española Sub-18 masculina ante Italia o vindeiro mércores 18 de xaneiro ás 14:30 no Centro Técnico da Federación Italiana de Fútbol en Coverciano.
Ambos os xogadores incorporaranse á concentración española o luns 16 de xaneiro após disputar co Xuvenil A o seu partido ligueiro na División de Honra ante o CD Lugo en Abegondo esta tarde, resolto con empate (1-1).
Os pupilos de Manuel Pablo coñeceron esta semana que o seguinte rival en Copa do Rei o próximo 25 de xaneiro, tamén na Cidade Deportiva e a partido único, será o Atlético de Madrid.
Ademais do Alevín A e dos dous benxamíns na Torre, tamén xogaron en casa o Xuvenil B (7-1 ante o CD Calasanz), Cadete (4-0 fronte ao Rápido de Bouzas), San Tirso SD Cadete (0-1 ante o Arosa SC) e Orzán SD Infantil Feminino (5-2 ante o SCD Milagrosa).
Fóra do seu campo competiron unicamente os infantís masculinos: o Dépor en San Pedro de Visma (1-3) ante o Ural Español CF e o San Tirso SD Infantil na Madroa (3-0) co RC Celta como rival.
O partido correspondente á Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 2º de fútbol 8 entre o Fabril FC Alevín e o San Tirso SD, o pasado xoves en Abegondo, abriu o calendario de partidos desta semana en #ANOSACANTEIRA.
Os fabrilistas lograron a vitoria (8-4) nun entretido partido que deixa aos gañadores máis líderes.
Esta semana tócalle descanso ao Orzán SD Cadete Feminino no subgrupo A da Liga Galega.
O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Tercera RFEF
16ª xornada: FABRIL - UD PAIOSACO H. AÑÓN, o domingo 15 de xaneiro ás 12:00 en Abegondo
Categoría feminina
Primeira Nacional, 15ª xornada: DEPORTIVO ABANCA B 3 (Abril Pazos, Marta Rico e Laura Otero) - VICTORIA FC 0
Primeira Autonómica, 16ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL FEMININO - VICTORIA FC B, o domingo 15 de xaneiro ás 16.00 na Torre (campo 1)
Segunda Autonómica, subgrupo 1º, 12ª xornada: ORZÁN SD CADETE B FEMININO - CULTURAL MANIÑOS, o domingo 15 de xaneiro ás 18:00 na Torre (campo 1)
Liga Galega infantil, subgrupo A, 11ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL FEMININO 5 (Marta Moreno, Sofía Rodríguez, Alma Comesaña e Naiara Fontenla -2-) - SCD MILAGROSA 2
Categoría xuvenil
División de Honra, 16ª xornada: XUVENIL A 1 (Mardones) - CD LUGO 1
Liga Nacional, 16ª xornada: XUVENIL B 7 (Guerrero -3-, Domínguez, Manu Ferreiro, Héctor e Juan Barros) - CD CALASANZ 1
Categoría cadete
División de Honra, 18ª xornada: CADETE 4 (Rubén -2-, Sergio e Xian) - RÁPIDO DE BOUZAS 0
División de Honra, 18ª xornada: SAN TIRSO SD CADETE 0 - AROSA SC 1
Categoría infantil
División de Honra, 15ª xornada: URAL ESPAÑOL CF 1 - INFANTIL 3 (Casuso, Gael e Antón)
División de Honra, 15ª xornada: RC CELTA 3 - SAN TIRSO SD INFANTIL 0
Categoría alevín
Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 1º, 8ª xornada: ALEVÍN A 4 (Thiago Montes, Obeso e Nico Torres) - ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS CF 0
Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 2º, 8ª xornada: FABRIL FC ALEVÍN 8 (Álvaro Gómez -3-, Iván Gil -2-, David Gómez -2- e Martín López) - SAN TIRSO SD 4
Categoría benxamín
Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 1º, 8ª xornada: CD CALASANZ 2 - BENXAMÍN A 4 (Miguel Candal -3- e Thiago López)
Primeira A Coruña - As Mariñas, subgrupo 1º, 8ª xornada: FABRIL FC BENXAMÍN 5 (Mateo Songo'o, Leo Lorenzo, Breogán Díaz, Andrés Valencia e Diego Castelo) - ORILLAMAR SD A 1
