La Voz de Galicia
"O Deportivo continúa recibindo felicitacións. A FIFA e o Barça enviaron as súas mensaxes de parabén" di o diario, que recompila múltiples mensaxes recibidas desde todo o mundo.
Falou o diario co alcalde herculino, que asegurou que dá por feito o convenio co club polo que se ceden ao Deportivo novas instalacións en Riazor así como o permiso para que o Deportivo utilice a Praia para situar o seu museo e, na medida do "juridicamente posible" a construción de campos de adestramento en Abegondo. A cambio, o Deportivo asumirá o mantemento de Riazor e participará no Teresa Herrera sen custo para o Concello.
A posibilidade de que Franganillo faga o Camiño de Santiago xunto a Javier Irureta e Paco Melo, as declaracións de Munitis, que recoñece que ten unha oferta do Deportivo e as fotos da cea dos afeccionados branquiazuis cos deportivistas na Praia Club organizada polo Grupo Voz en homenaxe ao Deportivo son as novidades da xornada.
Deporte Campión
"O mellor aniversario. Tal día como hoxe, hai 12 anos, comezaba a carreira de Lendoiro cara á presidencia deportivista" titula o diario que fai unha descrición dos doce anos de mandato da actual directiva branquiazul.
As palabras de Augusto César Lendoiro na súa intervención en TVE, no programa O Terceiro Grao, onde abordou diversos temas de actualidade tamén, son recollidas polo diario. A poxa de camisetas do Deportivo a favor de Mozambique e os bos ingresos conseguidos por elas e os festexos das distintas penas e da Federación de penas para celebrar o título este fin de semana son outra das novidades.
O Campión asegura que o Deportivo busca un "dianteiro tanque" e que Jancker é o preferido por Irureta mentres que o Deportivo negocia co Bayern: Milosevic, Hasselbaink, Flo, Jancker, Jardel e Bierhoff son algúns dos que inclúe o diario que asegura que Munitis está a un paso de fichar polo Deportivo, Edu Alonso está a desexar que se concrete todo, que Real Madrid e Celta tentan a Rufete, que Iván desexa que o Depor fiche ao seu irmán, que o San Lorenzo quere a Schürrer, o futuro de Bassir podería estar en Francia, que Nuno podería ir para o Tenerife e que José Ramón podería colgar as botas.
Ademais engade o Campión que Irureta iniciará o luns a súa peregrinaxe a Santiago e fala da ampla reportaxe de France Football dedicado ao equipo campión da liga das Estrelas, o Deportivo.
Diario AS
O As fala con Fran na concentración da selección na Toxa, onde o capitán deportivista recoñece estar canso por tantas celebracións pero móstrase xa centrado na Eurocopa. O xogador admite que lle gustaría que houbese máis deportivistas co equipo nacional.
O Ideal Galego
O Ideal destaca que a febre polo branquiazul segue na cidade herculina con gran demanda de produtos do Deportivo. Así mesmo fala de Fran, na concentración da selección na Toxa.
_________
Se les en internet algunha noticia relacionada co Deportivo, non dubides en enviarnos a dirección á nosa redacción: redaccion@canaldeportivo.com
__________
NOTA: A elaboración dun resumo de prensa por parte da redacción de canaldeportivo.com non implica que o Real Club Deportivo da Coruña, S.A.D. estea de acordo ou en desacordo coas noticias que nel aparecen, e non é o responsable dos contidos e opinións que se inclúan nas páxinas que o compoñen.