RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Reválida para o Dépor mañá sábado ante un Córdoba CF líder do grupo

O Deportivo afronta un valioso test ante o Córdoba CF en ABANCA-RIAZOR mañá sábado 3 de decembro ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv), correspondente á 14ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Os andaluces, recentemente ascendidos de Segunda Federación, lideran o grupo 1º con 32 puntos, froito de 10 vitorias, 2 empates e 1 única derrota no que vai de liga. Pola súa banda, os branquiazuis marchan na 4ª posición con 25 puntos, a 7 puntos por tanto da cabeza.

Ambos os equipos víronse as caras por última vez en ABANCA-RIAZOR o 8 de xuño de 2019 con motivo da última xornada de liga en Segunda División. O encontro concluíu con triunfo branquiazul (2-0) que serviu para selar a clasificación do Dépor para o playoff de ascenso a Primeira División.

Para mañá, Óscar Cano pode contar con todo o seu cadro posto que Diego Villares e Borja Granero recibiron hoxe mesmo a alta médica. "Cuantos máis sexamos, máis posibilidades ábrenseme a min para aliñar, para poder substituír... Pódese poñer o partido de múltiples maneiras e tendo todos os recursos é moito máis fácil acertar naquilo que vaias facer", comentou o técnico branquiazul este mediodía na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

"O que máis me alegra é o factor humano, que eles poidan facer aquilo para o que viñeron que é adestrar", engadiu o adestrador deportivista, á vez que lembra que "son seres humanos cos seus medos, a súa tensión, os seus abafos, os seus problemas, que sofren cando non poden estar no día a día adestrando e que están nunha idade moi sensible a todo aquilo que lles ocorre. Non teñen esa madurez para relativizar as cousas. Cando eles están lesionados pásano moi mal. Alégrame estar todos", conclúe.

Na sesión desta mañá en ABANCA-RIAZOR, que contou tamén coa participación do fabrilista Dani Barcia, o corpo técnico dispuxo após un quecemento un exercicio de finalizacións, e un último repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado.

Por contra, o Córdoba CF móstrase temible non só no Arcángel senón que tamén lonxe do seu estadio, onde aínda non coñece a derrota.

Esta temporada gañou en Vigo (1-2), León (0-3), Ceuta (1-2) e Badaxoz (2-4) a pasada fin de semana; e empatou en Madrid co Castilla (1-1) e en Ferrol (1-1).

O partido será especial para un dos seus porteiros, Felipe Ramos, tralo seu paso por #ANOSACANTEIRA de 2010 a 2014 procedente do Real Madrid Castilla.

Miguel de las Cuevas, en rolda de prensa, vaticina un partido "bonito nun campo histórico con dous equipos que por circunstancias están nesta categoría pero son doutra superior. Seguramente imos vivir un ambiente espectacular con dous equipos que van xogar de ti a ti".

Lembra que o Córdoba CF chega "coa xeira de estar líderes. Eles veñen dunha boa dinámica. O cambio de adestrador afectoulles para ben e vai ser un partido moi disputado. É o partido que lle gusta xogar a todos os futbolistas, campo cheo seguramente e seguro que se vai a ver un bo partido entre dous rivais que van estar aí arriba até o final".

Pola súa banda, Germán Crespo, técnico cordobesista, destaca que "imos a un campo espectacular onde o ambiente vai ser moi bonito. Alí, co noso estadio, é onde máis afección vai. Vai ser unha festa do fútbol para as dúas afeccións".

Atopa similitudes do partido de mañá coas saídas a Ferrol e Linares e admite que "neste tipo de partidos non hai favoritos. O Dépor chega nun bo momento. Gañou os últimos partidos salvo o empate que tiveron en ABANCA-RIAZOR contra a 'Cultu'. Chegou ben a este partido. E nós o mesmo. Chegamos os dous nunha dinámica moi positiva. Son dous equipos feitos para estar arriba, para pelexar por ese primeiro posto. Nós partimos con algo de vantaxe. É moi pronto pero imos coa tranquilidade de que estamos a facer as cousas ben. E aínda se non saen as cousas ben alí, mantemos o liderado".

Finalizado o choque, o Deportivo adestrarase de novo o domingo 4 de decembro ás 10:30 na Cidade Deportiva.