Richard Barral púxose a disposición dos medios de comunicación esta mañá en Abegondo, unha vez concluído o mercado de inverno.
Estas foron algunhas das súas respostas.
-Balance do mercado.
-Dentro do que é un mercado de xaneiro, que é a base de xogadores que veñan de lesión, non estean a contar nos seus clubs ou que se lles pague cláusula, puidemos equilibrar o equipo no que lle faltaba. Estou bastante contento. As fichaxes que xogaron están a ter un impacto importante a nivel deportivo. E iso reflíctese en resultados.
-Chegadas de Keko Gontán e Jovanović.
-O protagonismo que perdeu Keko foi por motivos extradeportivos debido á situación do Málaga CF. Foi unha gran fichaxe de última hora nunha posición onde nos faltaban especialistas.
Ten moitísimas ganas. A nivel físico está perfectamente, non ten lesións, está perfectamente adestrado. O que ten é ganas de xogar e volver demostrar o nivel que tivo. O Málaga pagara un traspaso importantísimo do Eibar. É un xogador novo, san. É un especialista en banda dereita. Non hai moitos e non é fácil de atopar.
Jovanović foi unha operación do Levante UD a 3 bandas, que quixo recuperar ao seu porteiro (Koke Vegas) e eles encargáronse de substituír ao porteiro por outro.
Foi un cambio simple e puro. Recuperaron o seu porteiro e puxéronnos outro porteiro ao mesmo custo. Non supuxo ningún incremento na masa salarial do Deportivo.
Nin sequera miramos se estaba en contrato. Había un compromiso. Considero que cando hai un compromiso, aínda que sexa verbal, tense que cumprir. Non podiamos acceder se quedabamos sen segundo porteiro porque nese momento Koke Vegas era segundo porteiro.
-Xogadores con contrato a medio prazo.
-Tivemos a sorte de atopar xogadores que se comprometeron connosco en Segunda División. Cando empezamos as negociacións, aínda que agora a situación segue sendo difícil, naquel momento era dramática. Non era fácil convencer a xente que viñese e aínda encima que se comprometese connosco. O Deportivo é unha marca importante, é un club que atrae xogadores. A unión que se está vendo na cidade entre afección, corpo técnico, xogadores, Presidente, Consello de Administración foi un plus á hora de convencer. Á parte das negociacións, tivemos que facer un pouco de comerciais para mostrar o que se estaba vivindo na cidade para tentar convencer. E iso foi un factor crave para que aceptasen e asinasen contratos de maior duración.
-Espinita de Borges, Insua...
-A de Insua foi un tema deportivo. O Huesca non conseguiu outro central e o adestrador contaba con el.
E o tema de Celso foi un tema no que había un acordo total tanto co Club como co xogador. Co anterior adestrador Celso era un xogador habitual, chegou este adestrador e non contaba tanto. Agora volve contar e foi precisamente o adestrador o que freou a saída. Estivemos até o último momento e ao final non puido ser.
-Centrais do equipo e saída de Lampropoulos.
-A saída foi acordada entre a Dirección Deportiva e o corpo técnico. Valoramos cando se presentou a oferta por Vassilis. Hai xogadores polivalentes como Peru ou Álex Bergantiños que poden xogar nesa posición. Quedaba cuberta. Estamos a xogar con 3 centrais e o outro día durante o partido pasouse a xogar con 4-2-3-1. Consideramos que a posición estaba cuberta e permitimos a operación. Ademais se non vén alguén que cremos que non nos mellora, mellor tampouco traelo. No momento que fallou Insua, o que nos ofrecía o mercado non nos enchía completamente. Actuamos de forma consensuada.
-Dous millóns de euros de ABANCA.
-Gastamos menos da metade polas saídas. Ese diñeiro permitiunos traballar rápido porque se non tes que estar pendente de saídas para xerar diñeiro. Logo coas saídas que houbo habemos recuperado parte dese diñeiro. Se dividimos entre os 7 xogadores que chegaron o diñeiro gastado, é moi pouco.
-Xogadores contactados pola Dirección Deportiva anterior ou algunha saída perfilada anteriormente.
-O anterior Consello deixou camiño libre a outro novo Consello. No que respecta a min foi precipitado duns días nos que Fernando (Vidal) falou comigo. Puxémonos a traballar. As primeiras chamadas son a xente coñecida, na que tes confianza, que eles teñen confianza en ti, que tamén son deportivistas como foi o tema de Borges, Çolak, Insua. O primeiro xogador en vir foi Emre, que non puxo ningún inconveniente e aínda non sabiamos nese momento de que diñeiro dispuñamos. El dixo que o diñeiro non era problema, que viña de calquera xeito. A partir de aí foi un maratón, días vertixinosos, constantes negociacións porque para que se fagan non sei cantas operacións (6 saídas e 7 entradas) hai que estar en 20 ou 30 operacións conxuntamente para poder cunhas apertar a outros, con outros a uns.
Como a situación era a que era foi todo moi claro e moi definido. Falouse cos axentes dos xogadores que considerabamos que non debían de seguir. Logo uns saen, outros non. Modifícase sobre a marcha porque non podes facer o 100 % do que queres.
-O maior desafío da súa carreira profesional.
-Foi un desafío importante e a situación quizais era a máis crítica das que eu vivín no Dépor nas miñas diferentes etapas. A anterior, cando chegaramos en Primeira División e cun tope salarial baixo, conseguir manternos aqueles anos, tamén era unha situación difícil. Quédache a frustración do último ano cando tiña que ser o mellor e o que pasou.
Non se pode mirar atrás e eu volvo coa mesma ilusión porque o Deportivo me chamou. Fernando (Vidal) e este Consello, que aparte son os meus amigos, chamáronme. Fixen o traballo o mellor que puiden e a partir de agora estarei á súa disposición.
-Posición do Deportivo en comparación co resto de cadros de Segunda.
-Agora o equipo ten un pouco máis de todo. Anteriormente o equipo non era para estar nese lugar no que estaba. Os xogadores que chegaron axudan aos outros a subir o seu nivel. Aínda o equipo ten un percorrido cara arriba cando os novos que aínda non participaron participen. No seu cadro ten Fernando Vázquez outras alternativas. Se empezou xogando con 3 centrais e carrileiros porque lle faltaban bandas, agora tamén ten a posibilidade de ter especialistas en banda. Agora ten que elixir e el mellor que ninguén sabe o que ten que facer.
-Samuele Longo e Christian Santos.
-Nas saídas, nalgunhas nós tivemos que poñer unha parte do seu salario, noutras foi o contrario, sacouse máis diñeiro que o salario. Hai que facer un balance do diñeiro investido e recuperado. Gastamos máis loxicamente porque reforzamos con 7 xogadores pero o balance é bastante bo. Do diñeiro que dispuñamos, gastamos menos da metade.
É verdade que houbo algunha oferta por Christian. O club valorouna, o xogador valorouna. Ao final continúa aquí a disposición do adestrador, é un máis que se ten que xogar, xogará.
- Borja Valle.
-Desde que chegou Fernando Vázquez tivo un problema de lumbalxia. A partir de agora está a disposición do adestrador.
-Carencias do equipo liquidadas.
-As carencias anteriores tenas que valorar o anterior adestrador, Director Deportivo, Consello de Administración. En consenso co adestrador e o corpo técnico fixemos un diagnóstico do que criamos que necesitaba o equipo. Faltounos nalgunha posición algún máis pero estamos contentos co que fixemos. O equipo co tempo, cando estea conxuntado e os xogadores estean a un nivel físico maior, dará un paso adiante aínda.
-¿A medio prazo, é unha ousadía mirar ao sexto posto?
-Si. Sería un erro. Vimos de 6 vitorias consecutivas e nalgún momento imos perder. Estou expectante da reacción de todo o mundo, do equipo e de todo o mundo cando chegue ese momento. Temos que manter a cabeza fría, pensar de onde vimos. O único obxectivo é a permanencia. Se a conseguísemos antes de tempo, podiamos pensar noutras cousas. Pero antes de tempo sería unha tolemia pensar niso. Imos ter xeiras negativas sen ningunha dúbida. E aí temos que seguir todos xuntos e tentar superalas.
-¿Cadro de 22 futbolistas pechado?
-Cando hai fichas libres nunca está pechado. Pode haber lesións, pode aparecer un xogador sen contrato que che interese... Sempre hai que estar atento a todos os movementos.
-¿Celso Borges e Insua no verán?
-Primeiro hai que asegurar a permanencia. A partir de aí hai que poñerse a traballar xa porque o futuro do Dépor ten que ser crear un proxecto importante.
Poden ser eles, poden ser outros... Está claro que son xogadores queridos na Coruña, deportivistas, cun nivel importante. Pero o fútbol dá tantas voltas que non se poden dar nomes neste momento.
-Cargo de Richard Barral.
-Vin nunha situación de urxencia porque me chamaron para facer un traballo. A min aínda me queda sentarme co Presidente e o Consello de Administración. A ver o que queren de min. Eu estarei a disposición do Deportivo.
-Traballo con Fernando Vázquez.
-Coñézoo desde hai moito tempo. A relación persoal con el é boa e a relación profesional é fluída. Falamos do que necesitaba o equipo e con liberdade cada un no seu traballo sempre lle hei ir dicindo cada día os pasos que estaba a dar, cales das negociacións víaas máis difíciles ou estaban fáciles para facer, que lle parecía este outro camiño... Sempre estivo decatado de todo.
-Reflexión sobre a anterior etapa de Fernando Vázquez.
-Na anterior etapa apenas estivera 8 ou 10 días con el. Eu cheguei o 1 de xullo. O que foi relación deportiva tiveramos moi pouco. Neste momento teño que dicir que chegamos os dous da man. Fernando (Vidal) falara comigo e con Fernando Vázquez. A aposta de Vázquez foi clara pola unión do deportivismo. É unha persoa querida entre a afección, querida por todo o mundo á parte da súa bagaxe deportiva. Tivérono claro desde o primeiro momento. Encantado de traballar con el. Aquí estamos todos no mesmo proxecto, cada un na súa función. Todos buscamos o ben do Club.
-Estrutura da Dirección Deportiva.
-Non sei cal vai ser a miña función pero entendo que cando chega un Presidente novo, un Consello novo, cada un ten que ir coa súa xente. O novo Consello valorará a xente que hai no Club e a que considere oportuno continuará e outra non. É o lóxico. As miñas primeiras decisións foron a de David Sánchez, que veu cando vin eu; e outra xente que estaba aí como Rosende, que tiña previsto incorporar e que incorporou a anterior Directiva, estiven contando con el neste mercado.
-¿Traballo gratis por unha espiña cravada?
-O último ano supuxo unha frustración para min por cousas que é mellor esquecer. Ao vir nunha situación de emerxencia, non deu tempo a falar absolutamente de nada. A min chamáronme un día e ao día seguinte púxenme a traballar. A urxencia era tentar mellorar o cadro da mellor maneira posible e que o demais era secundario. A partir de agora reunirémonos cando sexa e falaremos do que queiran contar comigo.
-Hugo Vallejo e o Real Madrid.
-A relación co Real Madrid é moi boa. Eles estaban a tentar comprar a Hugo. Había moitos clubs de Segunda que querían a súa cesión. Entón o Real Madrid e o seu axente falou connosco. A nós interésanos e o rapaz xa non tivo dúbidas a quen elixir. É un xogador novo que nos vai a dar alternativas nas dúas bandas, mesmo de segundo punta. É un rapaz que se se adapta ben, tamén valoramos tanto nós como o Real Madrid que poida ser un xogador para máis tempo.
-Estado de Dani Giménez.
-É verdade que ten unhas molestias nos adductores. En principio pode seguir xogando sen problemas. Esperemos que sexa simplemente iso e que non vaia a máis. Se non xa fichamos a outro porteiro, están os porteiros do Fabril e o porteiro do Xuvenil A (Alberto), que é un porteiro no que temos postas moitas esperanzas.
