Stoichkov pasouse pola sala de prensa do Dépor Training Center este mércores 4 de marzo.
Ve a Antonio Hidalgo "moi ben, con moitas ganas de querer achegar ao equipo, de darnos as ferramentas para poder gañar esta fin de semana. Está moi ben, moi contento".
É máis, o dianteiro andaluz cre que co actual técnico deportivista "pódense conseguir cousas grandes".
Do partido da pasada fin de semana en Zubieta recalca que "o equipo non deixou de crer. Puxéronsenos as cousas complicadas pero seguiu dándoo todo e ao final conseguíronse os 3 puntos, que era o importante".
Terceiro na clasificación, Stoichkov asegura que o Dépor "vai ben. Hai que darlle importancia ao que estamos a facer. Non é fácil. Dos últimos 8 partidos gañamos 6 e nesta categoría é moi complicado. Estamos onde queremos estar. Oxalá puidésemos estar máis sobrados na categoría pero está todo moi igualado. Iso podémolo ver na táboa, que está todo moi igualado. É importante estar aí até final de temporada e conseguir os obxectivos".
Cedido no Dépor polo Granada CF, rival este domingo 8 de marzo ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) en ABANCA-RIAZOR, apunta que "para min é un partido máis. Quero gañarlles porque me debo ao Dépor. A partir do luns deséxolles o mellor".
Do conxunto andaluz lembra que "asinaron xente moi nova. Hai que darlles tempo. É verdade que non arrincaron ben pero agora están mellor. Vainos a pór as cousas moi complicadas e temos que dar o máximo para sumar de 3".
