RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
GL
PORTADA

Sulley Muntari, novo xogador do Deportivo

Suleyman Ali Muntari (Konongo, Ghana, 27 de agosto de 1984), que se atopaba adestrando co equipo desde o pasado 9 de febreiro, converteuse en novo xogador do RC Deportivo até a conclusión da presente temporada.

O centrocampista, internacional absoluto por Ghana en 84 ocasións (20 goles) entre 2002 e 2014, é o primeiro xogador desa nacionalidade que vestirá a camiseta branquiazul nos seus 111 anos de historia. Sulley Muntari é un dos dous únicos futbolistas (xunto a Asamoah Gyan) que disputou as 3 Copas do Mundo (2006, 2010 e 2014) nas que participaron os 'Black Stars', nas que totaliza 9 encontros e 2 goles. Con anterioridade, coa selección ganesa sub-20 alcanzou o subcampeonato mundial en 2001 cando só contaba 16 anos.

Formado no Liberty Professionals do seu país, Muntari aterrou en Europa após aquela Copa do Mundo Sub-20, da man do Udinese. No club friuliano deu o salto ao primeiro equipo na seguinte temporada, con só 18 anos. Alí militaría 5 campañas, nas que totalizou 153 partidos e 9 goles.

No verán de 2007 converteuse na fichaxe máis cara da historia do Portsmouth. O club inglés pagou 8 millóns de euros. Co equipo de Fratton Park conquistou a FA Cup, primeiro título do club en 58 anos.

Após esa exitosa temporada, Muntari foi fichado polo Inter de Milán, a cambio de 14 millóns de euros. Cos 'nerazzurri' xogaría 4 temporadas, nas que acumulou 97 partidos e 8 goles e, sobre todo, un grande palmarés: 2 Scudettos (2009 e 2010), 2 Copas (2010 e 2011), 2 Supercopas (2009 e 2011), 1 Liga de Campións (2010) e 1 Mundial de Clubs (2010).

Após senllas cesións na segunda metade das súas dúas últimas campañas no Inter, ao Sunderland (2010-2011) e ao Milan (2011-2012), os 'rossoneri' contratárono de cara ao seguinte curso após finalizar contrato co seu eterno rival. No equipo lombardo xogaría 3 temporadas máis. As dúas últimas campañas militou no Al-Ittihad saudita e no Pescara italiano.

Ademais da súa bagaxe coas seleccións ganesas e en dúas grandes Ligas como a italiana (270 partidos e 27 goles) e a inglesa (38 partidos e 5 goles), Sulley Muntari disputou en 7 ocasiones a Liga de Campións, sumando 38 encontros e 3 tantos.