Trilli incorporouse esta mañá ao traballo co resto do grupo no primeiro adestramento da semana. O carrilero deportivista completou con normalidade unha sesión suave con quecemento, rondos, un exercicio de posición e fútbol-tenis.
Os Servizos Médicos do Club que dirixe o doutor Carlos Lariño agardarán agora á súa evolución nos próximos adestramentos para fixar a súa volta á competición.
Noel, Yeremay e Brais Suárez, ademais de Trilli, foron hoxe a representación de #ANOSACANTEIRA.
Con Trilli na dinámica grupal, só están con traballo personalizado a día de hoxe Víctor, Doncel e Antoñito. Miku, con permiso, non se adestrou hoxe.
A desta mañá foi a primeira sesión das catro previstas até o xoves nesta semana sen fútbol, posto que tocaba render visita ao desaparecido Extremadura UD con motivo da 35ª xornada no grupo 1º de Primera RFEF.
O pasado sábado en rolda de prensa, Borja Jiménez manifestou que lle gustaría xogar porque "cando o equipo está ben non vexo necesidade de parar".
Iso si, admitiu que este parón aos futbolistas branquiazuis "a nivel mental vailles a vir ben descansar. Ter aí dous días libres para os que levan moito tempo fóra da súa casa marchar, verlles e volver porque logo nos queda un mes onde temos que conseguir todo o que pelexamos durante os 11 meses anteriores. Así pois que descansen sobre todo a nivel mental, que veñen emocións fortes".
Borja Granero, tamén en rolda de prensa post-partido, comentou que este descanso "nos vén ben para recuperar esa frescura pero á vez esta semana aproveitala para rematar algunhas cousas que o equipo ten que seguir mellorando; e utilizala para traballar sen baixar esa tensión competitiva coa que podemos chegar ben a final de ano. Sumar as dúas cousas: recuperar a frescura da xente que levamos máis minutos ou ten máis molestias e non deixar de traballar cousas que nos vai a servir para ese tramo final".
A planificación semanal contempla catro adestramentos en Abegondo en horario matinal. Todos arrincarán ás 10:30 salvo o do xoves, que se adianta media hora, ás 10:00, para que ao acabar os futbolistas poidan desprazarse aos seus domicilios de orixe, xa que venres, sábado e domingo haberá descanso.
A folla de ruta do Dépor, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Luns 2 de maio
10:30 h.
Martes 3 de maio
10:30: h.
Mércores 4 de maio
10:30 h.
Xoves 5 de maio
10:00 h.
Venres 6 de maio
Descanso
Sábado 7 de maio
Descanso
Domingo 8 de maio
Descanso
