RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "con ganas de seguir crecendo" visita este luns 23 ás 19:30 ao Granada CF

O Dépor ABANCA mídese este luns 23 de marzo ás 19:30 (Dazn, Teledeporte e RTVE Play) ao Granada CF en partido correspondente á 23ª xornada de Liga F.

As Nosas, que a pasada fin de semana caeron (0-2) en ABANCA-RIAZOR co FC Barcelona, suman 23 puntos na 12ª posición.

Fran Alonso resalta que o feito de xogarse en luns "deunos un día máis de traballo, un día máis de descanso. Puidemos cargar un pouquiño máis. O venres foi día libre. Creo que nos veu ben".

O técnico deportivista ve ao grupo "moi ben, con moito foco, con moitísimas ganas, con moita fame, con ganas de seguir crecendo".

E cre que o choque é "unha oportunidade de tentar gañar".

Millene Cabral é a única futbolista que se perde o encontro por lesión. "Teño que dar as grazas ao traballo do staff: preparación física, servizos médicos e todo o departamento técnico. Tentamos protexer moito á xogadora e neste momento estamos a ter moita sorte", apuntou Fran Alonso.

Pola súa banda, o Granada CF, que a pasada fin de semana venceu por 0-4 ao FC Badalona Women, é 7º na táboa con 32 puntos.

No partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 7 de decembro venceron As Nosas por 2-0 con goles de Ainhoa Marín.

No seu campo esta temporada o conxunto andaluz gañou á SD Eibar (3-1), DUX Logroño (1-0), Alhama CF (2-0) e Levante UD (1-0); empatou coa Real Sociedad CF (2-2); e caeu co FC Badalona Women (0-2), Atlético de Madrid (0-4), Sevilla FC (0-2), Athletic Club (1-5), Real Madrid CF (0-3) e FC Barcelona (0-2). 

Irene Ferreras, adestradora do Granada CF e ex técnica do Dépor ABANCA, indica que o seu equipo "está nun momento feliz, un momento doce. Temos que ser moi responsables para seguir facendo ben as cousas. No momento que saquemos peito non nos irán as cousas como nos están indo".

Ve ao conxunto deportivista con "moito potencial, con moito talento. É un cadro deseñado para estar máis arriba do que están. Virán facer un bo partido, a tentar reducir a distancia connosco".

O Dépor ABANCA realizou este domingo un último ensaio no Dépor Training Center antes de partir de viaxe con esta folla de ruta:

Domingo 22 de marzo
15:00: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Sevilla
16:20 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto de Sevilla e viaxe en autocar a Granada
19:50 (hora aproximada): Chegada ao Hotel Eurostars San Antón Granada

Luns 23 de marzo
19:30: Granada CF - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva do Granada CF

Martes 24 de marzo
11:40: Saída do voo do Aeroporto de Granada con destino ao Aeroporto de Asturias
13:10 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto de Asturias e traslado en autocar ao Dépor Training Center
16:30 (hora aproximada): Adestramento no Dépor Training Center