RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA "con moita máis moral" afronta "un reto bonito" ante o Real Madrid CF este domingo 1 de febreiro ás 12:00 en ABANCA-RIAZOR

O Dépor ABANCA cítase co Real Madrid CF este domingo 1 de febreiro ás 12:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 18ª xornada en Liga F.

"O ano pasado quedamos a 10 minutos de facer a proeza. Marcáronnos o empate e afundímonos", lembrou Fran Alonso na sala de prensa do Dépor Training Center referíndose á última visita do conxunto branco en liga a ABANCA-RIAZOR na que As Nosas foron por diante até o minuto 78.

Asegura que este ano "temos moita máis moral. Elas tamén son máis fortes que o ano pasado así que vai ser un partido máis difícil. Co apoio de #ANOSAFORZA vai ser un reto bonito".

Após a goleada por 0-4 ante o DUX en Las Gaunas o pasado domingo, o conxunto deportivista suma 17 puntos na 12ª posición.

O técnico do Dépor ABANCA lembra que "este ano sufrimos moito. Houbo partidos que fixemos malos, e outros moi bos e non puidemos puntuar. Estas vitorias (en referencia á do DUX Logroño a pasada fin de semana) hai que celebralas pero cos pés no chan".

Cre que "nos teñen que servir para crecer, para seguir sendo valentes, xa sen ter tanto medo de que en caso de perder caer en descenso. En realidade non fixemos nada. Estamos a nos achegar máis á versión que cremos que podemos dar. E válenos para seguir traballando duro, para seguir querendo mellorar".

O Club supliu a baixa da lesionada Millene Cabral coa chegada doutra dianteira, a internacional surafricana Hildah Magaia.

Habitual nas convocatorias da selección surafricana, a nova futbolista branquiazul participou no Mundial de 2023, onde disputou 4 encontros e asinou 2 goles e 1asistencia. Ademais, foi unha das grandes figuras da Women's Africa Cup of Nations 2022, torneo no que terminou como máxima goleadora e marcou os 2 tantos que outorgaron o título ao seu país na final, logrando tamén a Bota de Oro da competición.

Pola súa banda, o Real Madrid CF, con 38 puntos, é 2º na táboa.

As brancas veñen de caer derrotadas por 2-0 ante o FC Barcelona na final da Supercopa.

Na primeira volta disputado no Alfredo di Stéfano venceu o Real Madrid CF por 4-0 un partido que encarrilou con 2 goles nos primeiros 10 minutos.

Lonxe de Madrid esta temporada o cadro merengue, no que militan as ex deportivistas Misa, Athenea e María Méndez, gañou ao Athletic Club (1-4), RCD Espanyol (0-1), Granada CF (0-3) e Levante UD (1-2); empatou co DUX Logroño (2-2) e UD Costa Adeje Tenerife (0-0); e caeu co Atlético de Madrid (2-1) e FC Barcelona (4-0).

Finalizado este primeiro encontro do mes de febreiro, As Nosas adéstranse de novo o luns 2 de febreiro a partir das 10:30 no Dépor Training Center.