O Deportivo ABANCA recibe mañá sábado 6 de novembro ás 18:30 en Abegondo ao Athletic Club B, retransmitido en directo pola TVG2, nun partido que chega trala primeira e dolorosa derrota da pasada fin de semana no Estadio Mundial 82 ante o DUX Logroño, cun gol das rioxanas no tempo engadido.
Despois do primeiro resultado adverso, Miguel Llorente, técnico deportivista, asegurou esta mañá en rolda de prensa que "xa sabedes esta frase de que 'aquí non hai quen poida coa xente mariñeira'. Esperábame algo diferente por outros equipos nos que estiven, que se cadra as derrotas caían un pouco peor. Pero os equipos extraordinarios caracterízanse por modificar ou por transformar as derrotas en puntos positivos e áreas de mellora. E neste equipo a semana foi das mellores semanas a nivel de entrenos, a nivel de actitude. Vén dado por iso. Han visto que perdemos. A ninguén lle gusta perder, que lle celebren un gol no minuto 92 a 3 metros e iso fíxonos máis fortes".
A pesar do doloroso tropezo no Mundial 82 de Logroño, as deportivistas son terceiras na táboa con 16 puntos, con só o CDF Osasuna Femenino (17 puntos) e FC Levante Las Planas (21 puntos) por diante na clasificación.
As bilbaínas, filiais dun dos clubs históricos do fútbol feminino español, están instaladas na zona media da táboa con 9 puntos e chegan a Abegondo após golear en Lezama ao Zaragoza CFF (4-1) a pasada fin de semana.
Miguel Llorente conta para este partido coas baixas da lesionadas Alba Merino e Jone. Tampouco estará a canteirá Aroa Guerra, habitual cada fin de semana nos plans do primeiro equipo e que esta vez queda fóra tamén por lesión.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con aforamento completo e rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición, acceso e localización na instalación.
O Real Club Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Simultaneamente está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá portar máscara en todo momento e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).
