O Dépor ABANCA mídese ao Sevilla FC das ex deportivistas Iris Arnaiz e Esther Sullastres este sábado 14 de febreiro a partir das 16:00 (Dazn e RTVE) en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 20ª xornada en Liga F.
As Nosas chegan enrachadas, cun total de 12 goles marcados nas últimas 3 xornadas, confirmando o crecemento ofensivo do equipo neste tramo de competición.
Ademais, o conxunto branquiazul asinou o pasado domingo co 1-6 ante o Madrid CFF o mellor resultado da súa historia en Primeira División, superando o seu anterior mellor rexistro, establecido na temporada 2020-21 após o 5-1 ante o Sporting Huelva.
Todo iso tradúcese en 20 puntos na táboa na 11ª posición.
Fran Alonso subliñou que "as sensacións do equipo, o traballo no Dépor Training Center e a fame das xogadoras sempre foi espectacular".
Ve a un Dépor ABANCA "máis contundente nas dúas áreas, moito máis agresivo. Temos moita máis pegada, somos máis eficientes na nosa área. Iso axudounos moito".
Tamén admite o preparador branquiazul que estar 4 partidos de vantaxe sobre o equipo que marca o descenso "dános moitísima tranquilidade para ser máis agresivas, máis valentes, para correr máis riscos apertando máis alto".
Son baixa para o partido ante o Sevilla FC Henar e Millene Cabral, que esta semana foi intervida cirurxicamente no Hospital Quirónsalud A Coruña a cargo do traumatólogo Isidro Sebastián González González dunha luxación acromio clavicular que sufriu no encontro en ABANCA-RIAZOR ante o UD Costa Adeje Tenerife o pasado mes de xaneiro.
Sobre a mediocentro asturiana, o técnico deportivista apunta que "xa fixo algo co equipo, que son moi boas noticias".
O Club espera nos próximos días a chegada do seu último reforzo invernal, a dianteira surafricana Hildah Magaia.
"Xa se solucionou o papel que lle faltaba en Sudáfrica e en cuestión de días estará aquí", apunta Fran Alonso.
Pola súa banda, o Sevilla FC, que a pasada fin de semana goleou ao Athletic Club (4-0), é 6º na táboa con 30 puntos.
No partido da primeira volta disputado o pasado 23 de novembro no Estadio Jesús Navas venceron as andaluzas por 3-1.
Lonxe de Sevilla esta temporada as hispalenses gañaron á SD Eibar (0-1), Levante UD (0-1) e Granada CF (0-2); empataron co Athletic Club (1-1), Sevilla FC (0-0) e Atlético de Madrid (2-2); e perderon coa Real Sociedad (3-0), Real Madrid CF (2-0) e FC Barcelona (4-1).
Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o domingo 15 de febreiro ás 10:45 no Dépor Training Center.
