O Deportivo ABANCA, co impulso da goleada (4-0) ao RCD Espanyol da pasada fin de semana en Abegondo, mídese mañá domingo 12 de marzo ás 18:00 (hora local, 19:00 na Península) no campo La Hoya del Pozo (El Médano, Tenerife) ao UDG Tenerife B, en partido correspondente á 22ª xornada en Primera Federación Iberdrola.
A última xornada de liga deixou ás Nosas na 2ª posición da táboa con 40 puntos, só superadas polo FC Barcelona B, líder con 43. Por detrás marchan o CP Cacereño Femenino e SD Eibar igualados a 38 puntos.
O céspede artificial, superficie na que se vai a xogar o partido, condicionou a planificación semanal do cadro deportivista.
Irene Ferreras levou aos seus xogadoras mércores, xoves e onte venres ao campo do Monte en San Tirso, tamén de herba sintética.
Salvo Carlota Suárez, cunhas molestias nun aductor, o Dépor ABANCA ten a todo o cadro dispoñible, tal e como presumiu o técnico branquiazul na sala de prensa: "Como sempre o marrón para a adestradora", chanceou.
Mostrouse por esta circunstancia "moi contenta porque cando as xogadoras están dispoñibles para adestrar aumenta o nivel nos adestramentos e nótase".
Ademais, subliña que "é o momento da temporada onde está a xente máis enchufada a nivel de cadro. Teño bastantes dúbidas sobre as aliñacións e iso fala moi ben do traballo das xogadoras".
Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas como vén sendo habitual nas últimas semanas.
Por contra, as tinerfeñas son decimosegundas na táboa con 21 puntos, situadas en zona perigosa. A pasada fin de semana, iso si, lograron frear en Unbe ao potente SD Eibar (0-0).
Na ida, o pasado 26 de novembro, venceu o Dépor ABANCA (4-0) cun gol de Paula Gutiérrez e un 'hat trick' de Carlota Suárez.
A pesar de transitar na zona media-baixa, os números do UDG Tenerife B son moi bos en La Hoya del Pozo. Só foron capaces de gañar alí o Cacereño Femenino (0-1) e o Athletic Club B (1-2). Ademais empataron o Granada CF (1-1), Córdoba CF (1-1), CDF Osasuna Femenino (0-0) e SD Eibar (2-2). Caeron coas chicharreras o Rayo Vallecano (2-0), RCD Espanyol (2-1), Real Oviedo (1-0) e DUX Logroño (2-1).
O Dépor ABANCA adestrouse esta mañá en Abegondo e a continuación partiu de viaxe con esta folla de ruta:
Sábado 11 de marzo
13:30: Comida no Restaurante Las Tablas (Carral)
17:30: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Tenerife Norte
19:10 (hora local): Chegada ao Aeroporto de Tenerife Norte e aloxamento no Hotel NH Tenerife
Domingo 12 de marzo
18:00 (hora local, 19:00 na Península): UDG Tenerife B - Deportivo ABANCA, no campo La Hoya del Pozo (El Médano, Tenerife)
Luns 13 de marzo
12:20 (hora local): Saída do voo do Aeroporto de Tenerife Sur
16:10: Chegada a Galicia

