Madrid CFF e Dépor ABANCA ven as caras este domingo 8 de febreiro ás 14:00 (Dazn) no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada, en partido correspondente á 19ª xornada de Liga F.
As Nosas chegan ao choque con 17 puntos, situadas na 12ª posición.
Á espera da chegada a España da dianteira internacional surafricana Hildah Magaia, reforzo invernal do Dépor ABANCA, son baixa por lesión Henar e Millene Cabral.
Iso si, Fran Alonso admite que "hai 2 xogadoras estiveron con adestramento modificado pero chegarán ao partido. Estamos ás protexer durante a semana. E logo xogadoras que volveron hai pouco de lesión están a coller máis ritmo, como o caso de Monteagudo".
Destaca pois que "hai moitas xogadoras dispoñibles e iso sempre é bo; ter as máximas garantías para ir a Madrid e tentar conseguir a segunda vitoria consecutiva fóra de ABANCA-RIAZOR, algo moi importante para nós".
"Temos moita confianza porque vimos nunha boa dinámica de xogo", afirma.
Pola súa banda, o Madrid CFF, que a pasada fin de semana caeu na Cidade Deportiva de Buñol (2-1) ante o Levante UD, é 9º na táboa con 26 puntos.
No partido da primeira volta disputado o 28 de setembro en ABANCA-RIAZOR, caeron as branquiazuis por 1-2 ao encaixar un gol no final de cada tempo.
Fran Alonso lembra dese choque que "tivemos mala sorte. Iamos empate. Tivemos unha ocasión clarísima para o 2-1. E ao final nun descoido, nunha acción de pelota parada marcáronnos no desconto. Perdemos o partido pero perfectamente puidémolo gañar. O equipo loitou até o final. Sobre todo o segundo tempo foi moi bo. Fomos moito máis agresivas, xogamos moito tempo no seu campo e estivemos preto de conseguilo".
No seu campo, o conxunto madrileño esta temporada superou á SD Eibar (1-0), Levante UD (2-0) e DUX Logroño (1-0); empatou coa Real Sociedad (2-2) e Atlético de Madrid (1-1); e caeu co Granada CF (0-1), UD Costa Adeje Tenerife (0-2), Athletic Club (0-2) e FC Badalona Women (0-1).
As Nosas adestráronse este sábado 7 no Dépor Training Center antes de partir de viaxe por estrada con esta folla de ruta:
Sábado 7 de febreiro
10:30: Adestramento no Dépor Training Center
12:30: Saída en autocar a Móstoles
19:45 (hora aproximada): Chegada ao hotel Ciudad de Móstoles
Domingo 8 de febreiro
12:00: Madrid CFF - Deportivo ABANCA, no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña
As Nosas adestraranse de novo o mércores 11 de febreiro ás 10:45 no Dépor Training Center.
