O Deportivo ABANCA, sen apenas marxe de erro, visita mañá sábado 7 de maio (18:00 horas) ao Real Sporting de Gijón, correspondente á 27ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola.
O choque será retransmitido en directo por RSG TV en Youtube.
Cos resultados da pasada fin de semana, as deportivistas son agora sextas (en posto de play out) con 46 puntos, a 6 puntos dos líderes CDF Osasuna Femenino e RCD Espanyol, ambos con 52 puntos. Polo medio están ademais o FC Levante Las Planas (3º con 50 puntos), o DUX Logroño (4º con 48) e o FC Barcelona B (5º con 47 puntos).
Miguel Llorente onte en rolda de prensa lamentou a difícil temporada que está a ter o cadro xixonés, admitiu que o ascenso "obviamente está difícil" e asegurou que se afana en que o Dépor ABANCA recupere a versión da primeira volta da temporada.
A pesar dos abafos clasificatorios derivados tamén da máxima igualdade que reina na categoría, o proxecto do Dépor ABANCA segue moi vivo, como o proba as recentes renovacións de contrato de Ainhoa Marín e Inés Altamira, ás que seguro que se unirán máis futbolistas do actual cadro.
De cara a mañá, o técnico recupera a Cris Martínez e conta coas únicas baixas das lesionadas Patri López e Ana Valles, esta a consecuencia dunhas molestias cervicais. Pola súa banda, Aroa Guerra e Nuria Gómez son as representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas.
As deportivistas chegan ao choque após unha dolorosa derrota en Abegondo ante un rival directo polo ascenso, o RCD Espanyol (1-2).
Na primeira volta ante o Sporting de Gijón, o triunfo foi deportivista pola mínima (1-0), grazas a un gol de falta de María Ruiz no desconto.
As sportinguistas, que a pasada fin de semana gañaron a domicilio (2-4) ao pechacancelas CE Seagull, ocupan o penúltimo posto na clasificación con 14 puntos, a 10 puntos do antepenúltimo, o CD Pradejón.
En Mareo esta temporada, o Sporting gañou 2 partidos, empatou 3 (entre eles co FC Levante Las Planas e FC Barcelona B), e perdeu 8, cun balance desfavorable de 11 goles marcados e 17 encaixados.
O Dépor ABANCA realizou en Abegondo esta mañá un último ensaio antes de emprender viaxe a Asturias, con esta folla de ruta:
Venres 6 de maio
17:00: Saída en autocar a Xixón
20:00 (horario aproximado): Chegada ao hotel Silken Ciudad de Gijón
Sábado 7 de maio
18:00: Sporting de Gijón - Deportivo ABANCA, no campo número 5 da Escola de Fútbol de Mareo
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña con parada a cear en Cudillero
Finalizado o encontro, o cadro branquiazul adestrarase de novo o domingo 8 de maio ás 11:30 na Cidade Deportiva.

