RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor con oito canteiráns inicia esta tarde en Arteixo a Dépor Xira Integral Motion

O primeiro equipo masculino inicia esta tarde (19:30 horas) no campo Ponte dos Brozos ante o Atlético Arteixo, equipo recentemente ascendido a Terceira RFEF, a Dépor Xira Integral Motion,  que terá paradas en Vilalba, en dúas ocasións; Viveiro e Ribadeo.

Como o resto de partidos, será retransmitido en directo a través da canle oficial de Youtube do Club: www.youtube.com/RCDeportivo grazas ao patrocinio de Integralmotion.es.

En plenas festas arteixanas do Apóstolo, o encontro servirá para homenaxear ao adestrador máis lendario da historia do RC Deportivo, Arsenio Iglesias, fillo predilecto de Arteixo, a súa localidade natal, no estadio situado na avenida que leva o seu nome.

As entradas, que custan 10 euros, venderanse no despacho de billetes de Ponte dos Brozos desde unha hora antes. As persoas socias do Atlético Arteixo 22/23 teñen acceso gratuíto.

Chega o equipo de Borja Jiménez a esta primeira cita do verán aínda en construción, tal e como recoñeceu onte o técnico abulense na súa primeira rolda de prensa da temporada. De feito mostrou a súa total confianza na Secretaría Técnica, pediu "paciencia para construír un bo equipo" e mesmo apuntou unha cifra de reforzos necesarios: "cinco ou seis polo menos".

En Ponte dos Brozos son baixas forzosas Borja Granero, Héctor, Trilli e Dani Barcia.

Así pois, e para poder dispor dun once distinto en cada tempo, Borja Jiménez tirou do Fabril. Brais Val, Jairo, Martín Ochoa, Rubén, Marcel Céspedes e Ángel Puerto; ademais de Yeremay e Mella, en dinámica do primeiro equipo nesta pretemporada.

Esta mañá en Abegondo, o cadro arrincou o traballo sobre o céspede con tarefas de mobilidade e activación con xogos.  A continuación, os futbolistas realizaron un roldo de presión, unha tarefa de finalizacións, un exercicio de evolucións e, para concluír, un primeiro ensaio de accións a balón parado.

Finalizado o partido de Arteixo ponse o punto e final á primeira semana de pretemporada, posto que o domingo 24 haberá xornada de descanso.