O Dépor cítase mañá domingo 16 de febreiro co CD Eldense no Estadio Pepico Amat (16:15, LaLiga TV Hypermotion) en partido correspondente á 27ª xornada en LaLiga Hypermotion.
O resultado da pasada fin de semana, co triunfo en ABANCA-RIAZOR ante a UD Almería, deixou a Os Nosos en 10ª posición con 35 puntos.
A semana, cualificada como "normal" por Óscar Gilsanz na sala de prensa de Abegondo, está marcada pola renovación de Dani Barcia, o central coruñés e unha das firmes promesas de ANOSACANTEIRA, até xuño de 2028.
O técnico branquiazul lembrou ante os medios de comunicación que aínda que o equipo gañase aos alacantinos sumarían 38 puntos "e non é definitivo porque a barreira está nos 50 puntos".
É máis, insiste en que "o risco de pór obxectivos a longo prazo é que perdemos de vista o día a día" e en que "o único camiño posible para ser un equipo competitivo sempre máis aló do resultado é o día a día, o traballo dos xogadores, que se convenzan, que teñan a confianza suficiente en competir ante calquera rival en calquera escenario".
Apunta que "a esixencia no día a día é grande e voume a encargar de que esa esixencia se manteña sempre pero o que nos leva a estar aquí con 35 puntos é ir pensando día a día nos rivais e no crecemento do equipo".
Márcase como obxectivo "darlle ferramentas aos futbolistas para ser mellores a nivel individual e a nivel colectivo. Iso vainos a permitir competir sempre. E se competimos sempre, imos sacar resultados".
Óscar Gilsanz cualifica o choque ante os alacantinos de "difícil", de "moi tramposo", no que "necesitamos a nosa mellor versión porque se estamos ao 100% competimos con calquera pero se non estamos... O foco é estar ao 100% contra o CD Eldense".
O Dépor desprazouse á primeira hora da mañá a Elda e adestrouse esta tarde na Cidade Deportiva do Elche CF.
O corpo técnico dispuxo dunha activación con xogos, un roldo no centro do campo e fútbol en espazo reducido.
Pola súa banda, o CD Eldense, que a pasada fin de semana empatou (0-0) en Oviedo, é 19º con 25 puntos.
O encontro da primeira volta disputada en ABANCA-RIAZOR o 20 de outubro (10ª xornada) acabou en empate (1-1). Adiantáronse os levantinos aos 8 minutos e empatou Bouldini no minuto 25.
O conxunto alacantino está dirixido por José Luis Oltra, que adestrou ao Dépor na temporada 2011-12 en Segunda División co que logrou o ascenso a Primera como campión e con marca de puntos aínda non superado: 91. Ademais militan os ex branquiazuis Ian Mackay, Ortuño e Víctor García.
No Estadio Pepico Amat esta campaña, o CD Eldense gañou ao CD Tenerife (2-1), UD Almería (1-0), SD Huesca (2-1) e Albacete Balompié (2-0); empatou co Real Oviedo (1-1), Racing de Ferrol (0-0) e Elche CF (0-0); e perdeu co FC Cartagena (1-2), CD Castellón (2-3), Real Zaragoza (2-3), SD Eibar (1-3), Cádiz CF (1-4) e Granada CF (0-3).
En rolda de prensa, Oltra pediu "apoio, respaldo, agarimo, axuda... Ese plus que che dá a xente quente, con sentimento e paixón de aquí. Fan que sempre rendamos máis".
Con ampla experiencia na categoría lembra que o choque "non é unha final. As finais serán os 10 últimos partidos pero temos que encher a bolsa de puntos, de confianza, de saber que se pode".
Do Dépor opina que "anda nun momento extraordinario de forma, ten excepcionais futbolistas e corpo técnico. É unha entidade que coñezo ben. É o mellor equipo da categoría en eficacia de finalización, o segundo que máis regatea tamén con maior eficacia, é o segundo que máis corre por encima de 24 quilómetros por hora... Non é soamente un equipo que toca senón que tamén corre, ten a capacidade física para facelo. É o equipo ou dos primeiros que máis marca na primeira parte: 24 dos 36 goles. Indícache que tes que saír moi forte porque se saes relaxado e ponse por diante son moito máis temibles porque con espazos son buenísimos".
Finalizado o encontro en Elda, Os Nosos adestraranse de novo o luns 17 de febreiro ás 11:00 en Abegondo.