RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor superior na primeira metade empata co Real Madrid Castilla

En Viveiro chegou o primeiro partido da Dépor Xira Integral Motion 2022 que os branquiazuis non foron capaces de gañar. Deportivo e Real Madrid Castilla empataron sen goles un encontro de clara superioridade coruñesa na primeira metade e máis equilibrado na segunda e no que os brancos se impuxeron na quenda de penaltis para dulicidar o gañador do trofeo en xogo.

Borja Jiménez apostou de saída por un once no que Álex Bergantiños xogou como defensa central, cun dobre pivote formado por Isi Gómez e Diego Villares e Quiles en punta, con Víctor Narro e David Mella ocupando os costados.

O Deportivo foi claro dominador da primeira metade e xa puido adiantarse no marcador no minuto 3, cando un pase de Álex Bergantiños deixou man a man a Víctor Narro co porteiro branco, Lucas Cañizares, que rexeitou o fillo do exinternacional Santi Cañizares.

No minuto 7 chegou a mellor ocasión madridista, nun centro desde a esquerda que despexou erroneamente Retu cara á súa propia portería e que Mackay sacou in extremis sobre a liña de gol.

Mediado o primeiro tempo, Adrián Lapeña peiteou unha falta colgada con precisión por Víctor Narro e o balón perdeuse pegado ao pau dereito da portería madridista. A resposta branca chegou das botas de Peter, que desde a frontal da área buscou o recanto máis afastado e o coiro foise á dereita do portal coruñés.

Á media hora, Mella roubou un balón en tres cuartos e o veloz contragolpe finalizouno Víctor Narro de novo cun man a man que desbaratou Lucas, que no minuto 37 foi outra vez protagonista ao escapárselle das mans un córner lanzado por Mario Soriano. O balón quedou solto ao bordo da área pequena, onde ningún deportivista puido remachar a porta baleira.

Os branquiazuis gozaron doutras dúas claras oportunidades xusto antes do descanso. Unha gran triangulación no extremo esquerdo entre Retu e Mario Soriano, con centro por baixo do primeiro, rematouna de socato Quiles coa súa bota esquerda, topándose de novo con Lucas. Na última acción da primeira metade, Mella dispuxo dun man a man após unha cesión curta de Tobias cara a Lucas que novamente rexeitou o gardameta madridista

O técnico deportivista realizou catro cambios tralo descanso. Entre eles, o que propiciou o debut do recentemente chegado Rubén Díez, que o fixo como extremo esquerdo en lugar de David Mella. Lapeña pasou ao lateral dereito para deixar a Jaime como parella de Álex Bergantiños no centro da defensa. Santamaría supliu a Víctor Narro, pasando a ocupar a posición de '9' e caendo Quiles ao extremo dereito.

O encontro resultou moito máis nivelado na segunda metade. Tanto que ningún dos dous equipos xerou ocasións dignas de apuntar ata que Mackay despexou unha falta directa lanzada por Arribas con moito veleno no minuto 78. A escasos segundos do minuto 90, Manuel Ángel estrelou no pau dereito da portería deportivista un disparo raso nun man a man escorado con Pablo Brea.

Na quenda de penaltis para decidir o gañador do Memorial Luis de Carlos estivo máis acertado o conxunto merengue.

RC Deportivo: Mackay (Pablo Brea, min. 82), Antoñito (Jaime, min. 46), Lapeña, Álex Bergantiños, Retu (Raúl Carnero, min. 46) (Marcel, min. 70), Isi Gómez (Yeremay, min. 74), Diego Villares, Víctor Narro (Santamaría, min. 46), Mario Soriano (Jairo, min. 82), Mella (Rubén Díez, min. 46) e Quiles (Tim Caroutas, min. 82).

Real Madrid Castilla: Lucas Cañizares (Mario de Luis, min. 62), Tobias (Álex Jiménez, min. 46), Rafa Marín, Pablo Ramón, Alcázar (Obrador, min. 62), Theo Zidane (Villar, min. 46), Mario Martín (Dotor, min. 46), Peter (Gonzalo, min. 74), Bruno (Arribas, min. 46), Leiva (Noel, min. 62) e Álvaro Rodríguez (Manuel Ángel, min. 62).

Quenda de penaltis: Jaime (para Mario de Luis, 0-0); Rafa Marín (0-1); Diego Villares (1-1); Noel (1-2); Santamaría (2-2); Villar (ao traveseiro, 2-2); Rubén Díez (3-2); Dotor (3-3); Yeremay (4-3); Arribas (4-4); Tim Caroutas (5-4); Pablo Ramón (5-5); Marcel (para Mario de Luis, 5-5); Álex Jiménez (5-6).

Árbitro: Figueiredo Comesaña (c. galego). Cartón amarelo a Mario Martín (min. 30), Villar (min. 72) e Jaime (min. 77).

Incidencias: cuarto partido amigable da pretemporada 2022-2023 Dépor Xira Integral Motion disputado no Campo de Cantarrana ante uns 2.000 espectadores, con motivo do Memorial Luis de Carlos.