O Dépor ABANCA caeu (2-4) co Real Madrid CF este domingo 1 de febreiro en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 18ª xornada en Liga F.
Con este resultado, As Nosas quedan con 17 puntos na 12ª posición da táboa.
Decidiron o partido dous rigorosos penaltis que a colexiada do encontro, a murciana María Gloria Panes, sinalou favorable ás madrileñas en ambos os casos após pasar polo VAR.
"Tivemos moi mala sorte con decisións clave en momentos clave. E iso determinou o partido", declarou Fran Alonso na sala de prensa.
Foron baixa por lesión Millene Cabral e Henar Muiña.
Precisamente as futbolistas titulares luciron ao saltar ao céspede unha camiseta en apoio á dianteira brasileira.
"Esta semana foi examinada polo especialista. Parece ser que poida ter que operarse. Non confirmaron a data. Será pronto. Botámola de menos. Estamos a desexar que volva connosco porque nos dá moitísimo", apuntou o preparador deportivista.
O Club acaba de anunciar a incorporación neste mercado de inverno da internacional surafricana Hildah Magaia para esa posición de punta.
Redru, Paula Novo e Lucía Rivas, as dúas últimas titulares, foron as representantes de ANOSACANTEIRA na convocatoria.
Empezou apertando o Real Madrid. Aos 2 minutos, Weir disparaba alto na frontal da área pequena.
Foi só un espellismo porque o Dépor ABANCA equilibrou rápido o xogo, comezou a chegar á área de Misa e adiantouse de forma merecida no marcador.
Lucía Martínez cabecea á rede un centro desde a esquerda de Paula Gutiérrez. A xogada viña dun saque de esquina favorable ás Nosas.
Case á xogada seguinte empatou a madridista Rocío ao cabecear no segundo pau un córner moi pechado.
"Hai un bloqueo a Inês. É o que ela me di", declarou o adestrador do Dépor ABANCA.
Lanzadas á portería deportivista, Bruun empuxa de novo á rede subindo o 1-2 un centro raso de Athenea ao aproveitar unha mala saída de balón deportivista.
Recuperouse o Dépor ABANCA, que empatou de novo o partido aos 25 minutos. Tamén de cabeza, Espe Pizarro marcou após outro centro desde a banda esquerda, tamén após un saque de esquina e tamén de Paula Gutiérrez.
O partido era de alternativas constantes.
A última dunha gran primeira metade foi para o Real Madrid CF nunha rápida transición conducida por Athenea que desbaratou a defensa deportivista.
"Fomos superioras", resumiu o preparador branquiazul esta primeira metade.
Após o paso polos vestiarios o primeiro disparo foi para Linda Caicedo, que relevou a Athenea. Plantouse na área e o seu chute raso pasou rozando o pau dereito da portería de Inês Pereira.
Do mesmo xeito que na primeira metade, pronto o Dépor ABANCA pronto freou a saída do rival.
Aos 53 minutos, Lucía Martínez proba fortuna desde moi lonxe. O balón saíu desviado.
O Real Madrid CF unicamente creaba perigo no balón parado, fundamentalmente en saques de esquina.
Nun deles Rocío, autora do primeiro gol branco, cabeceou no minuto 62 ás mans de Inês Pereira, ben colocada.
Cando máis igualado estaba o partido, unha indecisión entre Merle Barth e Inês Pereira no minuto 71 aprovéitaa Redondo, que se fai coa pelota. A porteira deportivista derrúbaa no seu afán por evitar o perigo.
Weir transforma a pena máxima enganando a Inês.
Fran Alonso dá entrada a Marisa e Redru por unhas esgotadas Lucía Martínez e Lucía Rivas.
De Weir tamén foi o seguinte disparo abaixo que atrapou ben Inês Pereira.
A porteira portuguesa evitou o terceiro do Real Madrid ao despexar a saque de esquina un bo disparo de Linda. Antes, Ainhoa Marín probou fortuna no outro área. O seu disparo raso atallouno ben Misa.
O Real Madrid sentenciou o encontro desde o once metros.
A colexiada do encontro, María Gloria Planes, decretou após pasar polo VAR penalti por agarrón de Merle Barth na área nun saque de esquina.
Weir de novo bate a Inês Pereira e deixaba o choque visto para sentenza.
"Os penaltis foron extremadamente rigorosos. Son forcexeos (no caso do segundo) que ven todos os días. Sentímonos moi prexudicados con esas decisións. Outro día teremos máis sorte", concluíu Fran Alonso, "orgulloso" do traballo das súas futbolistas.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Paula Novo (Samara, min. 67), Barth, Raquel (Elena, min. 88), Vera, Lucía Martínez (Redru, min. 74), Paula Gutiérrez (Bárbara, min. 88), Olaya, Ainhoa Marín, Lucía Rivas (Marisa, min. 74) e Espe Pizarro
Real Madrid CF: Misa, Rocío, Toletti (Cristóbal, min. 80), Athenea (Linda Caicedo, min. 46), Bruun (Redondo, min. 60), Weir, Shei, Feller, Holmgaard, Andersson (María Méndez, min. 46) e Irune (Angeldahl, min. 60)
Árbitra: María Gloria Planes, do comité murciano. Amoestou a Lucía Martínez (min. 65), Raquel (min. 68), Inês Pereira (min. 71) e Barth (min. 88)
Goles: 1-0 Lucía Martínez (min. 14); 1-1 Rocío (min. 17); 1-2 Bruun (min. 21); 2-2 Espe Pizarro (min. 25); 2-3 Weir, de penalti (min. 73); 2-4 Weir, de penalti (min. 88)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.693 espectadores. As xogadoras portaron brazaletes verdes con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro. Fixo o saque de honra María Jesús Gómez en representación das Matriarcas de Crendes, pioneiras do fútbol feminino en Galicia
