RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Un mal arranque e unha inxusta expulsión liquidan ao Dépor (2-1)

O Deportivo caeu na súa visita ao RC Celta B, nun partido marcado polo mellor arranque do conxunto local, que se adiantou antes do cuarto de hora, e pola expulsión de Alberto Quiles, autor do gol do empate pouco antes de ver a segunda cartolina amarela, acción que condicionou o tramo final do partido, no que chegou o tanto da vitoria viguesa.

O adestrador deportivista, Borja Jiménez, realizou tres modificacións con respecto ao once inicial que presentou o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR fronte á Cultural y Deportiva Leonesa. Rafa de Vicente, William de Camargo e Miku deixaron o seu sitio a Borja Granero, Diego Aguirre e Mario Soriano.

O Celta B saltou ao partido con mellor pé que o Dépor. Durante a primeira media hora acaparou a maior parte da posesión e cando non a tivo, saíu con velocidade cando a recuperou para tratar de sorprender ao contragolpe. As primeiras ocasións foron para o equipo vigués, que gozou dunha cabezada franca de Miguel, no minuto 9. Completamente só, ao bordo da área pequena, rematou á esquerda da portería herculina. Catro minutos despois, non perdoou o brasileiro Fabrício, que adiantou ao Celta B. Foi nun centro desde a dereita de Castro ao punto de penalti onde o suramericano se anticipou a Jaime para conectar un dereitazo ante o que Mackay nada puido facer.

O primeiro achegamento claro do Dépor foi unha falta sobre Juergen a un metro da frontal da área. O libre directo de Aguirre foise por riba do traveseiro. Respondeu o Celta B un minuto despois. Holsgrove revolveuse dentro da área e soltou un zurdazo que se estrelou no lateral da rede da portería coruñesa. O propio centrocampista escocés disparou desde a frontal no minuto 22, o coiro rozou en Villares e atrapouno Mackay.

O Dépor comezou a mandar ao fío da media hora. No minuto 31, a segunda xogada dun córner acabou cun pase atrás de Juergen para Quiles, cuxo zurdazo marchouse rozando o traveseiro. No 32, unha gran acción individual de Aguirre, que xogou a perna cambiada, con dous recortes cara a dentro concluíu cun potente zurdazo que despexou Gaizka Campos a córner.

O conxunto olívico estirouse no minuto 38 nun rápido contragolpe, pero Fabrício, en posición vantaxosa, só acertou a rozar o coiro nun centro desde a esquerda de Pampín. Segundos despois, un centro-chute por baixo de Juergen Elitim non foi capaz de atrapalo Gaizka Campos. O balón quedou solto na área pequena pero Quiles non puido remachalo. Os branquiazuis dispuxeron doutra clara oportunidade no minuto 44, cando Mario Soriano recuperou unha pelota en tres cuartos e lanzou en profundidade para Quiles, cuxo zurdazo cruzado raso despexou o porteiro local.

A segunda metade, a pesar de que o Celta B volveu saír forte cun par de oportunidades nos dous primeiros minutos, variou rapidamente de rumbo, a partir dun novo disparo de Diego Aguirre, desde o vértice dereito da área local, que Gaizka Campos desviou a córner. O Dépor fíxose co mando do partido e comezou a chegar con claridade. No minuto 58 probouno Mario Soriano, pero o seu disparo foise por pouco por riba do traveseiro. A continuación, William entrou no terreo de xogo por Diego Aguirre e o Dépor gañou en verticalidade.

Álex Bergantiños estivo a piques de facer o empate no minuto 63, ao cabo dun longo ataque que concluíu cun rexeite ao bordo da área que o capitán empalmou con dureza. O coiro golpeou nun defensa e após botar sobre o céspede perdeuse moi preto do recanto dereito da portería tola.

No minuto 65, un saque de esquina ao segundo pau atopou a tres deportivistas completamente sós. Cabeceou frouxo Jaime, coma se tratase de devolver o esférico cara ao centro da área pequena en lugar de rematar a portería, e despexou Carlos Domínguez despois de que lle golpease a pelota na man. O colexiado non castigou a acción como penalti.

Si o fixo tres minutos despois, cando Carlos Domínguez atropelou (aínda que, curiosamente a pesar de ser unha cambadela clamorosa, non viu a segunda amarela), a William. Quiles golpeou con dureza cara á súa dereita e, aínda que Gaizka Campos adiviñou a súa intención, non puido impedir o tanto do empate deportivista.

O Dépor atravesaba polo seu mellor momento do partido. Dominaba con claridade ao seu rival, que daba síntomas de cansazo e de empezar a botarse atrás para defender o empate. Álex Martín tivo que frear a William ás portas da área cando se internaba completamente só, acción que supuxo cartón amarelo ao central local. O mesmo castigo tivo un tropezo de Quiles noutra clara ocasión branquiazul, no minuto 72. O colexiado interpretou simulación na forzada carreira do dianteiro andaluz para anticiparse ao porteiro visitante e nesta ocasión si lle ensinou a segunda cartolina amarela. Quiles caeu, non pediu penalti, e foi expulsado inxustamente nunha decisión que condicionou o desenlace do partido.

Fíxoo porque a partir desa acción, cos branquiazuis reducidos a dez, o Celta B recuperou o dominio da pelota e comezou a xogar moito en campo contrario. O Dépor tentou enganchar algún contragolpe coa velocidade de William, pero resultoulle imposible. Os deportivistas defendéronse ben e con orde, impedindo calquera entrada na súa área. Con todo, o Celta B atopouse coa vitoria nun disparo afastado que saíu da bota esquerda de Javi Gómez, imposible de alcanzar para Ian Mackay.

A pesar desta nova derrota, o Dépor continúa na segunda posición, aínda que agora a 9 puntos do líder, o Real Racing Club de Santander.

RC Celta de Vigo B: Gaizka Campos, Castro, Álex Martín, Carlos Domínguez, Pampín (Medrano, min. 58), Alfon (Carlos Beitia, min. 64), Holsgrove, Carbonell, Gabri Veiga (Iker Losada, min. 69), Miguel (Javi Gómez, min. 64) e Fabrício (Lautaro, min. 69).

RC Deportivo: Mackay, Lapeña, Jaime, Borja Granero, Héctor Hernández, Diego Villares, Álex Bergantiños (Doncel, min. 89), Juergen Elitim, Aguirre (William, min. 59), Quiles e Mario Soriano ( Josep Calavera, min. 81).

Goles: 1-0 Fabrício (min. 13), 1-1 Quiles, de penalti (min. 68); 2-1 Javi Gómez (min. 87).

Árbitro: Antonio Alberola Rojas (c. castelán-manchego). Expulsou por dobre amarela a Quiles (min. 72) e con vermella directa ao porteiro suplente do Celta B Ruly (min. 74). Cartón amarelo a Carlos Domínguez (min. 25), Quiles (min. 25), Héctor Hernández (min. 33) e Álex Martín (min. 68).

Incidencias: partido correspondente á 29ª xornada do grupo 1 de Primera RFEF disputado no estadio ABANCA-Balaídos.