RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ANOSACANTEIRA

Un Xuvenil A "nun bo momento" xógase mañá mércores en Lezama o pase a cuartos da Copa ante "unha das canteiras máis importantes de España"

O Xuvenil A xógase mañá mércores 29 de xaneiro ás 17:30 en Lezama ante o Athletic Club, a partidoo único, o pase a cuartos de final da Copa del Rey.

Os branquiazuis, que son os únicos sobreviventes do grupo 1º da División de Honra no torneo, apearon en dezaseisavos de final ao Sporting de Gijón (3-0) mentres que os vascos superaron ao Danok Bat Club de Fica (5-1).

Miguel Figueira, onte en rolda de prensa, afirmou que "os partidos de Copa son unha ilusión. Sácanche un pouco do día a día, do contexto da liga; e permíteche competir no torneo do k.o., que tamén vale para formar xogadores".

O técnico deportivista cre que a rolda ante os sportinguistas "superámola con nota e agora imos a unha das canteiras máis importantes de España".

Asegura que o equipo está "preparado, chega nun bo momento" e admite que "quizais houbo un momento co cambio de adestradores e polo número de xogadores que pasaron duns equipos a outros que o equipo non estivo tan firme, tan sólido; pero agora chegamos nun bo momento. Á parte é unha ilusión: viaxar por semana, xogar en Lezama achégache un pouco máis ao fútbol profesional".

O Xuvenil A, que lidera provisionalmente o grupo 1º da División de Honra con 46 puntos aínda que o RC Celta ten 45 e un partido menos, vén de golear (6-1) ao Arosa SC en liga.

Miguel Figueira realizou esta mañá un último adestramento en Abegondo antes de viaxar por estrada a Bilbao.

Pola súa banda, o Athletic Club, que venceu en Lezama o pasado sábado (2-0) ao Antiguoko, lidera o grupo 2º cos mesmos puntos que os deportivistas: 46.

Existe un precedente entre ambos os equipos na edición copeira da temporada pasada. O 7 de xaneiro de 2024 o Dépor venceu (0-1) en dezaseisavos aos branquivermellos cun tanto de Dani Estévez aos 18 minutos de partido.