Un partido moi disputado, realmente de poder a poder, no que os célticos marcaron ao catro minutos tras un centro desde a dereita ao primeiro pau que McCarthy, adiantado á defensa, aproveita para rematar un balón alto e bate a Songo'ou. Cinco minutos máis tarde o céltico Juanfran é expulsado por unha agresión a Víctor na área cando Djalminha dispúñase a sacar unha falta. Tras uns minutos de discusión no terreo de xogo, o Celta queda con inferioridade numérica.
O Deportivo gozou de varias ocasións, iniciadas por Fran, Víctor e Djalma, pero sen concretar, pero o Celta presionaba moi ben aproveitando as contras. Pero o resultado seguiría inamovible ata o descanso.
Xa na continuación Turu Flores e Romeu entran en substitución de Schürrer e Flavio. O Deportivo sae con garra e tras un pase de Víctor a Makaay que fai un pase da morte cara ao Turu Flores, o ariete arxentino bate a Pinto no primeiro balón que toca ao cincuenta segundos. Era un novo tanto da besta negra do Celta. O Deportivo faise a partir deste momento co control, presionando moi ben e dominando o xogo. Pero co paso dos minutos o Celta volve ao partido pondo en perigo a meta de Songo'ou con rápidos contraataques.
As ocasións de Djalma, Makaay, Turu ou Pauleta non se reflectían no marcador e no minuto 29 deste período Gustavo López ía marcar o segundo e definitivo gol céltico ao recuperar un balón na frontal tras un balón cun mal bote que despista a Donato e o céltico bateu a Songo'ou que non puido facer nada.
Ao oito minutos deste tanto, Romeu é expulsado pola segunda amarela nunha xogada polémica xa que o xogador non intervén (é Mauro o que está na xogada). O Deportivo afronta a última parte do partido con necesidade de buscar o igualada pero non puido facer nada.
A un minuto para o final outra xogada polémica. O colexiado sinala falta de Turu Flores cando o arxentino é derrubado na área céltica por Cáceres.
Xa no período de desconto, Songo'ou, no centro do campo, despexa o balón coa man cando quedaba só nun un contra a un para evitar un gol do Celta. O camerunés é sustituído por Donato baixo os paus que detén o saque de falta con seguridade na súa única intervención.
Para Javier Irureta, "faltounos convicción, acerto e agresividade. Quizá ao equipo pesoulle a presión do derbi... A vida non acaba aquí, perdemos unha batalla pero a guerra non acabou...
Eles traballaron, teñen moito mérito... estiveron todo o partido en inferioridade."
En canto aos ánimos dos deportivistas engadiu "Algúns xogadores estiveron excesivamente nerviosos e un equipo que aspira a ser campión non pode estar así."
Para Víctor Fernández "...tivemos de todo, moi bo fútbol en igualdade numérica, moita forza, moita garra, en inferioridade e soubemos estar no campo e aproveitar as ocasións... non é só motivación, somos ambiciosos, queremos gañar o partidos pero temos pouca efectividade ao gol..."
O peor sen dúbida, a expulsión de Songo'ou e Romeu, este último por unha xogada na que non intervén. A próxima semana, salvo recurso das sancións, o Deportivo non contará con estes xogadores.
O Deportivo segue líder con dous puntos de vantaxe sobre o Barça e cinco sobre Zaragoza e Madrid e sete sobre Arabés e Valencia. Unha clasificación apertada a falta de tres partidos, nove puntos para o final.
