O Dépor encara coas baixas de Trilli e Víctor a visita do DUX Internacional de Madrid a ABANCA-RIAZOR, prevista para mañá domingo 17 de abril ás 12:00 horas (TVG-2, G24.gal, Footters e Fuchs Sports). O encontro corresponde á 32ª xornada no grupo 1º de Primeira RFEF.
Os demais, incluídos os canteiráns Alberto, Noel e Yeremay, entraron na convocatoria de 23 futbolistas: "Andamos con mocos, con catarro. Xa nos pasou a semana pasada. Decidiremos mañá en función dos que creamos que estean aptos para xogar".
Na sesión desta mañá en Abegondo, última antes do choque, o corpo técnico deportivista dispuxo após un quecemento un roldo de presión con porterías pequenas e un partido táctico a tres cuartas partes do campo 2.
A falta do que decida o Xuíz de Competición sobre a reclamación deportivista por aliñación indebida do Athletic Club B a pasada fin de semana nun choque que acabou en igualada (1-1), o Dépor é segundo na táboa con 58 puntos por 69 dun Real Racing Club, líder, que esta tarde recibe á UD Logroñés.
Sobre o sucedido en Lezama falou Borja Jiménez na sala de prensa de Abegondo esta mesma mañá. O técnico deportivista dá por feito que o equipo sumará 2 puntos máis "porque non hai lugar a dúbida. Eles tiveron un pequeno erro e levoulles a cometer unha aliñación indebida. Son xogadores (Diarra e Artola) que non puideron cumprir o seu partido de sanción porque (ante o Extremadura UD) non houbo partido. Dio ben claro a resolución".
Confesa sentirse estrañado ao coñecer en Lezama que ambos os futbolistas ían xogar e "pensabamos que alguén lles ía a avisar. Só hai que ver que ninguén o fai e hai que cumprir as sancións. Son dos que conta que a semana que vén darannos os dous puntos porque se non sería sentar un precedente complicado".
Na primeira volta, en Villaviciosa de Odón, o marcador foi favorable ao Depor (2-3) nun partido intenso, con alternativas e que se resolveu nos minutos finais.
O DUX Internacional de Madrid chega a ABANCA-RIAZOR após unha dura derrota a pasada fin de semana no seu campo (0-3) ante o Real Racing Club.
Os madrileños transitan pola zona media-baixa da táboa con 37 puntos, con 2 puntos de vantaxe sobre a zona de perigo.
Lonxe do seu campo, o DUX esta temporada cultivou 4 vitorias (unha delas ante o RC Celta B), 3 empates (un deles ante o UD Logroñés) e 8 derrotas; cun balance de 13 goles a favor e 18 en contra.
O partido servirá ademais para o regreso a ABANCA-RIAZOR de Alfredo Santaelena, técnico do DUX e autor do gol que supuxo o primeiro título oficial para o fútbol galego e para o Dépor, no Estadio Santiago Bernabéu na final da Copa do Rei de 1995.
"É especial porque volves a un dos equipos nos que como xogador estiveches moitas temporadas. Deixei moitos amigos alí. É un equipo ao que lle teño moito agarimo. Chegar á Coruña, a ABANCA-RIAZOR, vai ser un sentimento moi grande. Foron moitos anos, gocei moito nesa cidade, nese equipo; e son unha persoa alí bastante querida", comentou Alfredo nas redes sociais do DUX Internacional de Madrid.
Confesa que ten como salvapantallas "o gol que metín na final de Copa. Saímos Manjarín e Bebeto correndo. Son goles que teñen moita repercusión e máis para o deportivismo".
Mañá en ABANCA-RIAZOR apunta que "temos que tentar ser nós" e vaticina un partido "difícil, complicado pero é posible. Temos que ir gozar, ser valentes, atrevidos. E logo o que teña que vir, benvido sexa".
