R, patrocinador do Deportivo de LaLiga Genuine, organizou hoxe mércores unha sesión de firmas e fotos na que participaron, xunto aos xogadores do equipo Víctor Vales e Anxo Martínez, os futbolistas do primeiro equipo Álex Bergantiños e Diego Caballo.
O encontro cos deportivistas tivo lugar na tenda R do Centro Comercial de Catro Camiños.
Pequenos, como Xoel, ataviado orgulloso coa súa camiseta da bandeira galega; e non tan pequenos, como varios compañeiros de vestiario de Anxo e Víctor no Dépor Genuine, agardaron paciente cola para fotografarse e levar unha postal ou un autógrafo dos 4 futbolistas, ben en camisetas, bufandas, fundas de teléfono móbil...
Todos saíron con visible cara de satisfacción, como un avó que levou as 4 postais para o seu neto residente en Barcelona: "¡Vaille a facer moita ilusión!", exclamou orgulloso.
O acto concluíu cunha foto de familia diante da tenda, ante a expectación do público que en bo número pasaba a tarde no centro comercial coruñés.