RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Xornada de recuperación no Dépor, cun xogo para o equipo, ximnasio e fisioterapia

O cadro do Deportivo non saltou ao céspede da Cidade Deportiva esta mañá. Despois de tres días de duras sesións, Borja Jiménez e o seu corpo técnico decidiron que os futbolistas branquiazuis tivesen unha xornada lúdica e de recuperación, na que o balón por esta vez non foi o protagonista.

En primeiro lugar, Álex Canosa, readaptador do primeiro equipo, supervisou ás 10:30 uns exercicios de mobilidade no ximnasio.

Acto seguido houbo sorpresa para o cadro. Se hai unhas semanas Borja Jiménez organizou unhas carreiras en Karting Marineda de Marineda City, esta vez o adestrador branquiazul optou por un xogo de habilidade na propia Cidade Deportiva.

Para iso, reuniu no comedor da instalación aos futbolistas, aos que dividiu en varios equipos. A misión que tiña cada grupo de xogadores era, baseándose no enxeño, localizar en calquera recuncho do complexo branquiazul unha serie de pistas, "as do ascenso", tal e como as denominou o técnico abulense. O grupo que tardou menos tempo en atopalas converteuse no gañador deste singular reto nunha mañá diferente.

Houbo momentos para a diversión, o compañeirismo e traballo en equipo, e por suposto para as carreiras por toda a Cidade Deportiva, incluídos os corredores de vestiarios e oficinas.

Para concluír a xornada, os xogadores pasáronse pola sala de fisioterapia e zona de augas.

Yeremay, Noel e Trilli foron a representación de #ANOSACANTEIRA no primeiro equipo.

Mañá venres 8 de outubro o Dépor adianta o adestramento, que arrincará ás 10:00 horas sobre o céspede. Ao concluír, os convocados por Borja Jiménez desprazaranse en autocar a Irún para visitar ao Real Unión o sábado 9 de outubro ás 17:00 horas (Footters) no Stadium Gal.