RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Xuvenil A e Sevilla FC empatan un partido de cara a cara e decidirán o pase á Final Four da Copa de Campións na capital andaluza

O Xuvenil A e o Sevilla FC empataron (0-0) este mediodía en Abegondo no partido de ida dos cuartos de final da Copa de Campións. "Baleiraronse os xogadores, tivemos as nosas opcións. Sabiamos que era un equipo que transitaba ben e que nos podía facer dano. Tiveron algunha opción pero foi un partido de cara a cara", manifestou Manuel Pablo na sala de prensa.

Os deportivistas accederon a esta eliminatoria como campións do grupo 1º da División de Honra e os sevillistas, como campións do grupo 4º con 8 puntos de vantaxe sobre o 2º clasificado, o Real Betis Balompié.

O Xuvenil A recuperou para o once inicial a dous futbolistas que estiveron durante a temporada en dinámica do Fabril: Mardones e Kevin Sánchez. Este último, que estivo concentrado até o mércores coa selección española sub-19 na localidade alacantina de Alfaz del Pi, foi ademais o pichichi do filial en Segunda Federación, con 8 goles.

O primeiro tempo foi moi igualado e concluíu cunha xogada polémica. O colexiado adscrito ao Comité Galego Alberto Gómez Lameiro anulou un gol a Kevin após un saque de esquina ao apreciar falta nunha melé que se formou na área pequena entre atacantes deportivistas e defensores sevillistas. 

"Un gol anulado, a situación de fóra de xogo que fóra penalti... Foi moi difícil para os xogadores, sentíronse prexudicados en moitos sentidos. Oxalá nos toque un árbitro igual alá. É o único que pido", manifestou o adestrador deportivista.

Antes, Guerrero tivo unha boa oportunidade cun disparo que se marchou fóra da portería do Sevilla FC por moi pouco.

Após o paso polos vestiarios, o partido seguiu coa mesma tónica.

No minuto 57 a punto estivo Kevin de aproveitar unha mala cesión da defensa sevillista ao seu porteiro. O internacional deportivista burla ao gardameta pero cando ía rematar a porta baleira cruzouse Juanca providencial para evitar o gol do Xuvenil A.

O conxunto de Manuel Pablo foi impondo o seu dominio territorial pero o Sevilla FC atópase cómodo acazapado na súa área esperando a súa oportunidade. Así transcorreron os minutos finais, conscientes ambos os equipos que na volta decidiríase a eliminatoria.

O Xuvenil A dispuxo dalgún bo achegamento como un saque de esquina ao corazón da área que non atopou rematador e que despexou como puido a defensa sevillista de novo a córner; e outra xogada polémica á que facía referencia Manuel Pablo na súa comparecencia ante os medios de comunicación, unha clara derriba na área andaluza que o árbitro considerou como posición de fóra de xogo do atacante do Xuvenil A.

O vindeiro domingo 19 de maio ás 12:00 será o choque de volta na Cidade Deportiva do Sevilla FC.

Xuvenil A: Román, Hugo Torres, Vilela, Samuel, Carreira, Mardones, Lucas, Kevin, Domínguez, Guerrero e Pablo García. Tamén xogaron: Manu Ferreiro, Carletto e Álvaro.

Ademais desta eliminatoria, completaron a ida dos cuartos de final estes emparellamentos:

UD Las Palmas 0 - Real Betis 3
Levante UD 1 - Atlético de Madrid 1
Athletic Club 1 - Real Mallorca 0

/* Bot imbee */