RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAFORZA

A muller, protagonista do "Día Dé" fronte ao CD Lugo en ABANCA-RIAZOR

O RC Deportivo continuará o vindeiro domingo 3 de marzo, no decimoterceiro partido de Liga en ABANCA-RIAZOR, fronte ao CD Lugo (19:00 horas), coa iniciativa "O Día Dé", coa que abre o Palco de Honra do Estadio á afección e á cidadanía. Este decimoterceiro encontro será "O Día Dé A Muller", no que o RC Deportivo convida a mulleres coruñesas e galegas recoñecidas socialmente en diferentes ámbitos ao ser o partido en casa previo ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Máis de medio centenar de mulleres do noso ámbito que contan cun gran recoñecemento social terán a ocasión de gozar do partido desde o palco principal do recinto, a localidade máis exclusiva e con mellor visibilidade de ABANCA-RIAZOR. Entre elas haberá empresarias, cientificas, políticas ou deportistas, ámbito este último no que destaca a asistencia de varias campioas a nivel nacional ou mundial nas súas respectivas modalidades.

En cada partido en ABANCA-RIAZOR esta temporada, máis da metade das localidades do Palco de Honra estarán dedicadas a un colectivo da cidadanía ou a un sector da afección, para facer a entidade máis próxima e dar protagonismo á masa social deportivista e agradecer o seu excepcional apoio unha temporada máis.