RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras, sobre o partido en ABANCA-RIAZOR: Chega o escenario idílico no mellor momento, cando máis o necesitamos

Irene Ferreras apuntou este mediodía na sala de prensa, en relación ao partido deste domingo 31 de marzo ás 17:30 en ABANCA-RIAZOR ante o CE Europa (Youtube RC Deportivo), que "chega o escenario idílico no mellor momento, cando máis o necesitamos; onde queriamos compartir este momento que creamos o equipo a base de pelexar durante moitos meses con #ANOSAFORZA, no mellor escenario. É unha vitoria para o fútbol feminino da cidade. E a partir de aí tentar aproveitalo ao máximo. Necesitamos gañar e imos pór todo para iso".

Lembra que "xogamos co factor campo durante toda a temporada, neste caso nun escenario especial. É certo que os resultados das últimas dúas xornadas non son os que queriamos, pero o equipo está a mostrar merecelo durante toda a temporada. Temos que ter tranquilidade nestes momentos. Hai que saber valorar tamén o que vén facendo durante estes meses e tamén estes momentos son os que nos permiten ver a dificultade da competición, que é moi fácil afacerse a gañar e crerse que está todo feito e isto é unha pelexa diaria. Sei que #ANOSAFORZA vai responder. Acompañáronnos toda a temporada. Se algo ten o deportivismo é que nas boas, nas malas, sempre está aí. Xa o fixo o ano pasado despois dun desenlace que foi difícil e este ano arroupáronnos máis que nunca".

Pide "seguir facendo o que até o momento saíunos ou nos foi ben; e ter a tranquilidade mental de que os resultados chegan insistindo".

Do CE Europa, a adestradora deportivista opina que "está a competir ben. É verdade que lle está custando sacar resultados. Un equipo recentemente ascendido sempre lle custa adaptarse á categoría, pero xa nolo puxo moi difícil na ida. Rascoulle puntos a moitos equipos e puxo as cousas difíciles a todo o mundo".

No entanto, asegura que "sobre todo nos fixamos en nós, en ter o respecto ao rival, facer todo o mellor posible e coa máxima intensidade posible. Desde aí a xogar o partido que queremos xogar, sabendo tamén as fortalezas que ten o rival, que as ten como todos os equipos desta categoría, e tentando sacar a relucir todas as nosas virtudes".

Despois do sucedido a temporada pasada, no que o equipo rozou o ascenso en dúas ocasións, Irene Ferreras cre que, agora que chega a fase decisiva do presente curso, "as experiencias axúdanche. O importante é utilizalas para ter indicadores de información que che poidan axudar no que vén agora. Fixeramos xa unha análise do que foi a temporada pasada e sabiamos que no tramo final equipos de abaixo como os que podemos ter agora sacan puntos porque se xogan moitas cousas. É verdade que esa tensión de que se está achegando o final tamén entra en xogo. Todos eses factores téñense que conxugar e temos que tentar facelo da mellor maneira posible para que non nos prexudique".

Subliña que o Dépor ABANCA "madurou a base de moitas experiencias, de moitas situacións onde estivemos moi preto. Agora é un momento primeiro para gozar porque o equipo gañoullo. Vénnos un momento onde se deciden as cousas. Vexo ao equipo con moita confianza. Levamos dúas sesións de adestramento moi boas a pesar deses dous resultados das últimas semanas. O último partido o equipo mostrou un carácter e un nivel de competitividade altísimo. Ao final utilizamos as cousas que nos pasan para estar preparadas. Sabemos que a partir de agora tamén os partidos son 90 minutos onde case sempre en resultados axustados hai que ter moita madurez e saber xestionar eses momentos de partido. Todo iso levámolo na mochila".

Por conseguinte, "imos confiar neste equipo, imos crer nestas xogadoras, imos ir día a día, imos gozar agora do que temos por diante que é un rival no mellor escenario".

Admite a preparadora branquiazul que "cada vez queda menos e que queremos xa telo na man, pero o que temos que estar a pensar é no adestramento de mañá, en facer todo o mellor que poidamos, en pór o mellor que poidamos ao servizo do equipo e seguro que así as cousas chegarán".