RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Jose Ángel: O equipo está a chegar perfecto ao final de temporada

Jose Ángel subliñou esta mañá na sala de prensa que "é importante dosificar ben as cargas porque estamos a finais de temporada. Non é o mesmo que ao principio nin a metade, pero o equipo está a chegar perfecto ao final de temporada. Os datos están aí. O outro día fixemos uns datos que foron dos mellores da temporada. Por tanto o equipo está ben, fisicamente está a tope; e mentalmente na situación na que estamos e coas ganas que temos de seguir gañando partidos, mentalmente estamos perfectos".

Asegura que "o único partido que temos en mente esta fin de semana é contra o CD Arenteiro, o noso, o domingo ás 7; e os demais, se pican, mellor obviamente porque tampouco imos dicir outra cousa, pero nós témonos que fixar en nós mesmos e gañar o noso partido. Non hai máis".

De feito, ao mediocentro deportivista non lle importa xogar antes ou despois que o resto de rivais porque "non miro tampouco moito o que pasa nos outros partidos. Se cadra outros compañeiros din outra cousa. A min dáme igual. Prefiro xogar os sábados porque a semana se fai un pouquiño máis curta, pero tampouco pasa nada".

Ante outra gran entrada a fin de semana en ABANCA-RIAZOR, cre que é "absurdo seguir pondo cualificativos a #ANOSAFORZA. O outro día volvérono a demostrar. A alma deste club son eles e para nós cando xogamos e sentímolos é unha forza incrible e superlativa. Nós estamos encantados de que estean felices, de que sintan orgullo do equipo que ven tanto en ABANCA-RIAZOR como cando se desprazan fóra. Estamos a desexar darlles alegrías porque o merecen despois destes anos".

Recoñece que o CD Arenteiro, rival do Dépor este domingo 28 de abril ás 19:00 horas (TVG-2 e FEF TV) en ABANCA-RIAZOR, "está a facer unha boa temporada, xoga un bo fútbol, fai moitísimas cousas ben. Vino varios partidos e é un equipo que realmente me gusta. A xente dicía que era moi forte no seu campo, pero tamén o é fóra. Os números están aí, por iso está na posición que está. Vaise a ver un partido bonito, outra vez en ABANCA-RIAZOR con #ANOSAFORZA, por tanto nós desexando poder sacar os 3 puntos". "É un rival duro, difícil. Seguro que nos porá as cousas complicadas porque leva unha dinámica de 6, 7, 8 partidos sen perder", engade.

Finalmente Jose Ángel lamentouse pola baixa de Hugo Rama: "Estaba a facer uns partidos moi bos. Volveu entrar aí na dinámica do equipo e estaba a un gran nivel. O día de Cornellá tamén gañamos con gol seu. Estaba a facer unhas grandes actuacións. Agora lesionouse, non sabemos tampouco canto tempo estará pero é unha pena que calquera compañeiro se lesione porque perdemos efectivos e é importante estar todos dispoñibles para o adestrador".