RCDeportivo Logo

CONDICIÓNS PARTICULARES ABONO MARATHON INFERIOR

REAL CLUB DEPORTIVO DA CORUÑA, S.A.D.

TEMPORADA 2026/2027

Norma 1. Obxecto, natureza e ámbito de aplicación.

  1. O Abono en Marathon Inferior constitúe unha modalidade específica de abono de tempada creada e comercializada polo RC DEPORTIVO, que habilita o acceso á zona denominada Marathon Inferior do recinto deportivo e atribúe ás súas persoas titulares os dereitos, facultades e obrigas previstas nas presentes Condicións Particulares, sen prexuízo da aplicación complementaria das Condicións Xerais de Contratación de Abonos, do Regulamento Interno do Recinto Deportivo e do resto da normativa interna e legal que resulte de aplicación.
  2. O presente documento ten por obxecto regular as condicións específicas aplicables ao Abono en Marathon Inferior, incluíndo o seu réxime de contratación, renovación, utilización, acceso, permanencia, dereitos e obrigas das persoas titulares, así como o réxime particular aplicable á ocupación da bancada de Marathon Inferior.
  3. A titularidade do Abono en Marathon Inferior constitúe o único título habilitante para o acceso e ocupación de localidades situadas na bancada Marathon Inferior, quedando as súas persoas titulares sometidas a condicións específicas e reforzadas de identificación, acceso, permanencia, control e comportamento, atendida a natureza desta modalidade de abono e as características organizativas e operativas deste sector do recinto deportivo.
  4. A adquisición, renovación e mantemento do Abono en Marathon Inferior, así como o acceso e permanencia nesa bancada, implicarán a aceptación das presentes Condicións Particulares e a asunción por parte da súa persoa titular do compromiso de apoiar ao primeiro equipo do RC DEPORTIVO de forma ordenada, pacífica, respectuosa e conforme á normativa vixente, durante os partidos e demais eventos deportivos que determine o Club, sen prexuízo da liberdade individual de cada abonado respecto da intensidade ou forma en que exteriorice ese apoio dentro do respecto debido ao resto de asistentes.
  5. A titularidade do Abono en Marathon Inferior non atribúe dereito ningún sobre a organización, representación, xestión, administración ou disposición da grada Marathon Inferior, correspondendo en exclusiva ao RC DEPORTIVO a determinación da súa configuración, funcionamento, accesos, distribución de localidades, réxime de utilización, identificación das súas persoas titulares, elementos de apoio autorizados e calquera outro aspecto relacionado coa súa organización e explotación.
  6. O RC DEPORTIVO poderá determinar e modificar en cada tempada, ou cando as circunstancias así o aconsellen, os accesos habilitados, o aforo operativo, a distribución de localidades, as condicións técnicas de seguridade, os dispositivos de control e calquera outro aspecto relativo á organización e funcionamento da grada Marathon Inferior, cando resulte necesario por razóns deportivas, organizativas, operativas, comerciais, técnicas, normativas ou de seguridade.
  7. O Abono en Marathon Inferior constitúe unha modalidade específica de abono creada, impulsada, organizada e desenvolvida exclusivamente polo RC DEPORTIVO como parte do seu modelo de asistencia e participación da afección. En consecuencia, o Club poderá modificar en calquera momento a súa configuración, requisitos, funcionamento, beneficios, condicións de utilización e calquera outro aspecto inherente a esta modalidade de abono cando concorran razóns deportivas, organizativas, operativas, comerciais, técnicas, normativas ou de seguridade.
  8. A contratación do Abono en Marathon Inferior constituirá un requisito imprescindible para a adquisición, renovación ou mantemento de calquera localidade situada na bancada de Marathon Inferior, non podendo comercializarse nin manterse localidades nese sector á marxe desta modalidade específica de abono.
  9. A contratación, mantemento ou renovación do Abono en Marathon Inferior non constitúe un dereito adquirido nin xera expectativa algunha de continuidade en tempadas futuras. O RC DEPORTIVO revisará en cada tempada as condicións desta modalidade de abono e conservará, en todo caso, a facultade exclusiva para establecer, modificar ou suprimir os seus criterios de contratación, acceso, permanencia, renovación, funcionamento e beneficios asociados ao mesmo. En particular, o Club poderá destinar na próxima tempada, total ou parcialmente, a grada Marathon Inferior ou o sector que se determine polo Club, exclusivamente a peñas oficiais ou colectivos homologados, procedendo nese caso á reubicación das persoas abonadas que non reúnan esa condición noutras zonas dispoñibles do estadio, conforme aos criterios organizativos que o Club estableza.
  10. O RC DEPORTIVO poderá recadar, cando o considere oportuno, a opinión do Foro Social ou de calquera outras canles de participación, diálogo ou escoita da afección en relación coa evolución do Abono en Marathon Inferior ou das iniciativas vencelladas á participación da afección. Estas actuacións terán carácter exclusivamente consultivo e non limitarán nin condicionarán, en ningún caso, as facultades exclusivas do Club para regular, organizar, modificar, desenvolver ou suprimir esta modalidade de abono.
  11. A contratación inicial e a renovación do Abono en Marathon Inferior formalizaranse obrigatoriamente de maneira presencial, mediante comparecencia persoal da persoa solicitante na Oficina de Atención ao Deportivismo ou por calquera outro procedemento específico de identificación que, de ser o caso, determine o RC DEPORTIVO, como requisito inherente ás condicións reforzadas de identificación e control propias desta modalidade de abono.

Norma 2. Finalidade e principios de funcionamento.

  1. O Abono en Marathon Inferior ten por finalidade favorecer un contorno de apoio visible, participativo, ordenado e positivo ao primeiro equipo do RC DEPORTIVO desde a bancada de Marathon Inferior, promovendo a implicación da afección no desenvolvemento dos encontros, sen que isto supoña a imposición dunha determinada forma ou intensidade de participación individual. En ningún caso esa bancada poderá converterse nun espazo de intimidación, confrontación, presión ilexítima, exclusión, apropiación privada ou exercicio de facultades de organización ou representación distintas das expresamente recoñecidas polo Club.
  2. A utilización do Abono en Marathon Inferior e o acceso á bancada de Marathon Inferior rexeranse polos principios de apoio exclusivamente deportivo ao equipo, respecto á autoridade e ao persoal do RC DEPORTIVO, convivencia pacífica, identificación plena das persoas titulares, responsabilidade individual polos propios actos, colaboración co Club, corresponsabilidade no axeitado funcionamento da bancada, tolerancia cero fronte a calquera manifestación de violencia, racismo, xenofobia, intolerancia ou discriminación e plena suxeición ao interese xeral de seguridade, organización e bo desenvolvemento do evento, incluíndo o compromiso expreso de manter en todo momento unha conduta plenamente axustada á legalidade vixente, ao Regulamento Interno do Estadio ABANCA-RIAZOR, ás Condicións Xerais e Particulares aplicables e ás instrucións do Club e das persoas responsables de seguridade.
  3. A titularidade do Abono en Marathon Inferior, así como o dereito de acceso, permanencia e utilización da bancada de Marathon Inferior, non constitúen un dereito absoluto nin consolidado, senón facultades de carácter persoal e condicionado, cuxa vixencia quedará supeditada ao cumprimento continuado das presentes Condicións Particulares, das Condicións Xerais de Contratación de Abonos, do Regulamento Interno do Recinto Deportivo, do resto da normativa interna do Club e da lexislación vixente, así como á inexistencia de circunstancias que poidan comprometer a seguridade, a orde pública, a convivencia ou a imaxe, prestixio e intereses lexítimos do RC DEPORTIVO.
  4. A titularidade do abono en Marathon Inferior non outorgará privilexio, prioridade espacial nin ningún dereito preferente na asignación de entradas para partidos en condición de visitante. De ser o caso, as entradas destinadas a desprazamentos poderán reservarse exclusivamente a peñas oficiais inscritas no Libro Rexistro de Seguidores, suxeitas a normas reforzadas de identificación, control, responsabilidade e uso.

Norma 3. Requisitos para a contratación, mantemento e utilización do Abono en Marathon Inferior.

  1. A contratación, renovación e utilización do Abono en Marathon Inferior, así como o acceso e permanencia na bancada de Marathon Inferior, requirirán, ademais do correspondente título válido de acceso, a aceptación expresa das presentes Condicións Particulares e do compromiso individual de comportamento conforme á legalidade vixente, ao Regulamento Interno do Recinto ABANCA-RIAZOR, ás normas do Club e ás instrucións ditadas por motivos de seguridade, organización e convivencia.
  2. O RC DEPORTIVO poderá establecer para cada tempada os requisitos que deberán reunir as persoas solicitantes e titulares do Abono en Marathon Inferior, podendo esixir, entre outros, os seguintes:
  • A condición de socio, abonado ou titular dun produto habilitante do Club, nos termos que se definan para cada tempada.
  • A ausencia de sancións firmes ou cautelares que impliquen prohibición de acceso a recintos deportivos ou que resulten incompatibles co nivel reforzado de seguridade esixible nesta zona.
  • A non existencia de antecedentes disciplinarios internos recentes por feitos violentos, racistas, xenófobos, intolerantes, fraudulentos ou gravemente contrarios á convivencia ou á imaxe do Club.
  • A achega e actualización da documentación identificativa e dos datos de contacto que o Club considere necesarios para a correcta xestión do Abono en Marathon Inferior neste sector do Estadio e para o cumprimento das súas obrigas legais e a coordinación coas autoridades.
  • A aceptación expresa dos tratamentos e, de ser o caso, das comunicacións ou cesións de datos persoais que resulten necesarias para o cumprimento de obrigas legais, de seguridade ou de colaboración coas autoridades competentes.
  1. Cando a solicitude, contratación ou xestión do Abono en Marathon Inferior se canalice a través dunha peña, federación de peñas ou calquera outro colectivo recoñecido polo RC DEPORTIVO, será requisito adicional que dito colectivo se atope previamente homologado ou recoñecido polo Club e manteña vixente, se é o caso, o correspondente convenio, compromiso de colaboración ou documento de adhesión á normativa interna que resulte de aplicación.
  2. As peñas, federacións ou colectivos a través dos cales se canalice a contratación ou xestión de Abonos en Marathon Inferior deberán designar formalmente un mínimo de tres persoas responsables que actuarán como interlocutoras fronte ao RC DEPORTIVO para as funcións de comunicación, coordinación operativa, colaboración preventiva, transmisión de instrucións e apoio na xestión de incidencias, sen que dita designación lles atribúa facultade algunha de representación das persoas titulares dos abonos nin de organización, xestión ou disposición sobre o sector ao que dá acceso esta modalidade de abono, competencias que corresponderán en exclusiva ao Club.
  3. O cumprimento dos requisitos previstos na presente Norma non outorgará, por si mesmo, ningún dereito á obtención ou renovación do Abono en Marathon Inferior, correspondéndolle ao RC DEPORTIVO valorar discrecionalmente a concorrencia de circunstancias organizativas, operativas, comerciais, disciplinares, de seguridade ou de calquera outra natureza que poidan resultar relevantes para a súa concesión, renovación, denegación ou revogación, todo iso de conformidade coa normativa aplicable.
  4. O RC DEPORTIVO poderá establecer, para cada tempada, procedementos específicos de solicitude, renovación, validación, identificación ou verificación das persoas titulares do Abono en Marathon Inferior, así como esixir a comparecencia persoal da persoa solicitante ou calquera outra actuación razoablemente necesaria para comprobar o cumprimento das presentes Condicións Particulares.
  5. A contratación do Abono en Marathon Inferior constituirá un requisito imprescindible para a adquisición, renovación ou mantemento de calquera localidade situada na bancada de Marathon Inferior, non podendo comercializarse nin manterse localidades nese sector á marxe desta modalidade específica de abono.
  6. Tanto a contratación inicial como a renovación do Abono en Marathon Inferior deberán formalizarse mediante comparecencia persoal da persoa solicitante na Oficina de Atención ao Deportivismo (“OAD”) como requisito esencial desta modalidade de abono.

Para tal efecto, a persoa solicitante deberá acreditar a súa identidade mediante a exhibición dun documento oficial identificativo en vigor e formalizar a aceptación expresa das presentes condicións.

O RC DEPORTIVO poderá obter e conservar copia ou imaxe do documento identificativo exhibido cando iso resulte necesario para a correcta identificación da persoa titular, a prevención do uso fraudulento do abono, a aplicación das medidas reforzadas de identificación e control inherentes a esta modalidade específica de abono, o cumprimento das obrigas legais que lle corresponden como organizador de espectáculos deportivos e o exercicio ou defensa dos seus dereitos e intereses lexítimos, todo iso de conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

A falta de comparecencia persoal, a negativa a exhibir o documento de identidade esixido nos termos previstos nas presentes Condicións Particulares ou a negativa a formalizar a aceptación expresa da normativa aplicable impedirán a contratación ou renovación do Abono en Marathon Inferior, ao constituír requisitos esenciais e indisociables desta modalidade específica de abono.

Norma 4.Carácter persoal do Abono en Marathon Inferior, título de acceso e control reforzado.

  1. O Abono en Marathon Inferior terá carácter estritamente persoal, nominativo e intransferible, quedando sometidos tanto o seu uso como o acceso e permanencia na bancada de Marathon Inferior a condicións reforzadas de identificación, control e verificación de identidade, atendida a natureza específica desta modalidade de abono.
  2. O Abono en Marathon Inferior terá carácter intransferible, non podendo ser cedido, prestado, transmitido, reenviado, compartido ou utilizado por persoa distinta da súa titular, baixo ningún concepto.
  3. O acceso á bancada de Marathon Inferior deberá efectuarse a través das portas, franxas horarias, itinerarios e dispositivos de control especificamente habilitados polo RC DEPORTIVO, que poderá establecer sistemas diferenciados de acceso, identificación ou verificación respecto doutras zonas do recinto deportivo cando así o esixan razóns organizativas, operativas ou de seguridade.
  4. As persoas titulares do Abono en Marathon Inferior estarán obrigadas a exhibir, cando así lles sexa requirido polo persoal autorizado do RC DEPORTIVO, polo persoal de seguridade ou polas Forzas e Corpos de Seguridade, o seu título de acceso xunto cun documento oficial acreditativo da súa identidade e calquera outra acreditación ou medio de verificación validamente implantado polo Club para garantir a correcta identificación e a seguridade no acceso. O Club poderá realizar controis aleatorios de identidade tanto no acceso como durante a permanencia no recinto deportivo ou no sector de Marathon inferior.
  5. En atención ás condicións reforzadas de identificación e control inherentes ao Abono en Marathon Inferior, o RC DEPORTIVO poderá implantar na zona de Marathon Inferior sistemas específicos de control de accesos, videovixilancia, verificación de identidade, analítica de accesos e calquera outra medida organizativa ou tecnolóxica compatible coa lexislación vixente, tendo en conta a súa especial sensibilidade desde o punto de vista da seguridade, da prevención e do operativo.
  6. Prohíbese o acceso ou a permanencia no sector asociado ao Abono en Marathon Inferior portando, exhibindo ou introducindo bandeiras, pancartas, prendas, emblemas, distintivos ou calquera outro elemento que incorpore simbología, mensaxes ou representacións cuxo uso estea prohibido pola lexislación vixente, polo Regulamento Interno do Recinto Deportivo ou polas presentes Condicións Particulares.

Norma 5. Condicións de uso e permanencia.

  1. As persoas titulares do Abono en Marathon Inferior deberán manter, tanto durante o acceso como durante a permanencia no sector asociado a esta modalidade de abono, un comportamento respectuoso, cívico e deportivo, plenamente compatible coa seguridade colectiva, absterse de realizar calquera conduta intimidatoria, violenta, agresiva, discriminatoria, coactiva ou susceptible de alterar a orde, a convivencia ou o normal desenvolvemento do evento. A utilización deste abono implica ademais a aceptación duns condicións especiais de uso, de obrigado cumprimento, consistentes en manter un comportamento conforme á legalidade, á normativa do Club e ás esixencias reforzadas de seguridade aplicables a Marathon Inferior.
  2. Atendendo ás características propias do sector asociado ao Abono en Marathon Inferior (isto é, a zona de Marathon Inferior do Estadio), o RC DEPORTIVO poderá autorizar a permanencia en pé durante o desenvolvemento dos encontros ou eventos deportivos, sempre que iso resulte compatible coa normativa vixente, coas condicións de seguridade aplicables, coas instrucións das autoridades competentes e non dificulte a evacuación do recinto nin afecte negativamente a outros espazos ou sectores do Estadio.
  3. A contratación e utilización do Abono en Marathon Inferior implica a aceptación expresa das condicións específicas de utilización da bancada de Marathon Inferior, incluídas as súas particulares características ambientais, acústicas, visuais e operativas, a presenza de elementos de animación autorizados e, se é o caso, a permanencia en pé doutros ocupantes do sector, sen prexuízo da facultade do RC DEPORTIVO de modificar, reorganizar, redistribuír ou reubicar, incluíndo reubicacións preventivas, cautelares, temporais ou definitivas de determinados abonados ou grupos de abonados por razóns de seguridade, convivencia, operativa do evento, sectorización ou reorganización futura deste sector cando concorran razóns organizativas, operativas, comerciais, técnicas, normativas ou de seguridade.
  4. As persoas titulares do Abono en Marathon Inferior non poderán utilizar o sector asociado a esta modalidade de abono (é dicir, a zona “Marathon Inferior” do Estadio) para promover reivindicacións alleas ao feito deportivo, fomentar enfrontamentos entre afeccións, coaccionar, intimidar ou perturbar a outros espectadores, nin desenvolver actuacións que poidan comprometer a seguridade, a convivencia, a imaxe, o prestixio ou os intereses lexítimos do RC DEPORTIVO ou o normal desenvolvemento do evento.
  5. As persoas titulares do Abono en Marathon Inferior deberán colaborar en todo momento co persoal do RC DEPORTIVO, o persoal de seguridade privada, o Coordinador de Seguridade e as Forzas e Corpos de Seguridade, atendendo ás instrucións que lles sexan impartidas no exercicio das súas respectivas funcións, especialmente aquelas dirixidas a garantir a seguridade, a orde, a correcta organización do evento e o cumprimento das presentes Condicións Particulares. A falta de colaboración, a resistencia aos controis ou o incumprimento das instrucións de seguridade terán a consideración de incumprimento moi grave das condicións de uso desta modalidade de abono.

Norma 6. Elementos de apoio e materiais autorizados.

  1. O RC DEPORTIVO poderá autorizar, designar ou habilitar para cada encontro determinadas persoas para a utilización, coordinación ou manexo de elementos de apoio ao equipo local na bancada de Marathon Inferior á que dá acceso o Abono en Marathon Inferior, incluíndo, entre outros, a condución de cánticos, o uso de instrumentos de percusión, megafonía manual, bandeiras de gran formato ou outros elementos de animación previamente autorizados, todo iso baixo a exclusiva dirección, supervisión e control do Club e con plena suxeición á normativa vixente.
  2. O uso de bandeiras, pancartas, bombos, megáfonos ou outros elementos de apoio ao equipo local requirirá autorización previa do Club cando así se estableza pola súa dimensión, natureza, ubicación, impacto operativo ou necesidade de identificación de responsables. Ningún destes elementos de animación poderá conter simbología prohibida ou non autorizada.
  3. En todo caso, os elementos de apoio deberán reunir as condicións de seguridade, dimensións, materiais ignífugos e requisitos técnicos esixidos polo Club e pola normativa vixente, especialmente cando superen as medidas ordinarias admitidas no recinto.
  4. O Club poderá limitar o número de bombos, megáfonos ou outros elementos sonoros, designar nominalmente as persoas autorizadas para utilizalos e esixir a previa identificación de quen asuma a súa custodia e responsabilidade.
  5. Queda prohibida a introdución ou exhibición de materiais non autorizados, de simbología política ou allea ao evento, de signos ou mensaxes violentos, racistas, xenófobos, intolerantes, discriminatorios ou vexatorios, así como de calquera elemento que impida a identificación das persoas ou dificulte o labor de control e seguridade.
  6. O Club poderá retirar de inmediato calquera material non autorizado ou que resulte posteriormente incompatible coa seguridade, sen dereito a ningunha compensación e sen prexuízo das consecuencias disciplinarias que correspondan.

Norma 7. Participación de peñas y colectivos.

  1. O RC DEPORTIVO poderá admitir que a solicitude, contratación, renovación ou xestión de determinados Abonos en Marathon Inferior se canalice a través de peñas oficiais, federacións de peñas ou outros colectivos de afeccionados previamente recoñecidos polo Club, sempre que estes manteñan vixente o correspondente convenio, protocolo de colaboración ou documento de adhesión á normativa interna que resulte de aplicación.
  2. O dito instrumento deberá regular, como mínimo, a identificación do colectivo, o censo actualizado de integrantes, a designación de tres responsables, as obrigas de colaboración preventiva, as regras de comunicación interna, as condicións de reparto de entradas ou localidades, o réxime de axudas ou beneficios e as causas de suspensión ou revogación.
  3. As peñas ou colectivos que, de ser o caso, poidan dispoñer do Abono en Marathon Inferior ou conten entre os seus integrantes con membros adscritos a esta modalidade de abono e, polo tanto, se atopen no sector destinado aos mesmos, deberán comprometerse expresamente a cumprir e facer cumprir entre os seus integrantes a normativa do Club e a lexislación contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, baixo apercibimento de perda de recoñecemento, retirada de beneficios, expulsión da zona ou resolución do convenio.
  4. A falta de colaboración das persoas responsables, a ocultación de información relevante, a pasividade fronte a condutas infractoras ou a reiteración de incidentes por parte de integrantes do colectivo poderán xustificar medidas colectivas proporcionadas respecto dese grupo.

Norma 8. Asistencia, liberación e conservación da titularidade do Abono en Marathon Inferior e correlativo dereito de acceso.

  1. O RC DEPORTIVO poderá establecer para cada tempada condicións específicas de asistencia efectiva aos encontros, de confirmación previa de asistencia, de liberación da localidade ou calquera outros mecanismos de xestión dirixidos a garantir a ocupación efectiva, activa e ordenada do sector asociado ao Abono en Marathon Inferior. As concretas condicións de aplicación de tales mecanismos poderán desenvolverse na documentación comercial da campaña de abonos ou nas instrucións que o Club aprobe para cada tempada.
  2. A falta reiterada de asistencia, a non liberación inxustificada da localidade ou o uso meramente especulativo, pasivo, contrario ou incompatible coa finalidade desta modalidade de abono poderán determinar a perda do dereito preferente de renovación ou a revogación desta modalidade de abono para a tempada seguinte.
  3. A non renovación, perda ou revogación do Abono en Marathon Inferior non implicará necesariamente a perda da condición xeral de abonado, salvo que concorra ademais unha causa disciplinaria ou contractual autónoma.

Norma 9. Medidas de seguridade e potestades do Club.

  1. O Club poderá adoptar, respecto da modalidade do Abono en Marathon Inferior e do sector asociado a este, cantas medidas específicas resulten necesarias para preservar a seguridade, a boa orde, a convivencia e o cumprimento da normativa, incluíndo controis reforzados, accesos diferenciados, sectorización, limitación de aforo, videovixilancia intensificada, reubicacións, restricións de acceso, retirada de materiais, desaloxos parciais e calquera outra medida que resulte necesaria.

  1. Cando as circunstancias do partido así o aconsellen, o RC DEPORTIVO poderá modificar, temporal ou definitivamente, as condicións de utilización do Abono en Marathon Inferior e da bancada de Marathon Inferior á que dá acceso, suspender o seu funcionamento, limitar os elementos de apoio autorizados ou deixar sen efecto beneficios accesorios vinculados a esta modalidade de abono, sen que isto xere dereito a indemnización, compensación ou reclamación algunha por parte das súas persoas titulares.

  1. O Club actuará en coordinación co Coordinador de Seguridade, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e, se é o caso, con LaLiga ou outras autoridades e organizadores competentes, especialmente en partidos de risco ou en situacións de especial sensibilidade operativa.

Norma 10. Réxime disciplinario específico.

  1. O incumprimento das normas especiais e condicións específicas do Abono en Marathon Inferior constituirá causa de aplicación do réxime disciplinario previsto no Regulamento Interno do RC DEPORTIVO, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, civís ou penais que puidesen corresponder conforme á lexislación vixente e das facultades contractuais que asisten ao Club.
  2. Terán a consideración de infraccións especialmente relevantes, ademais das previstas con carácter xeral no Regulamento do Club:
  • A cesión non autorizada ou o uso fraudulento do título de acceso.
  • A negativa a identificarse ou a colaborar cos controis de acceso e permanencia establecidos para esta modalidade de abono.
  • A introdución, uso ou exhibición de materiais non autorizados ou prohibidos.
  • A utilización de simbología ou mensaxes violentas, racistas, xenófobas, intolerantes, discriminatorias, vexatorias ou alleas ao evento deportivo.
  • O incumprimento das instrucións do Club, do seu persoal autorizado, do persoal de seguridade ou das Forzas e Corpos de Seguridade.
  • As condutas de coacción, intimidación, chantaxe, extorsión, apropiación ou calquera actuación dirixida a atribuírse, de feito ou de dereito, funcións de organización, representación, dirección ou xestión da zona á que dá acceso o Abono en Marathon Inferior.
  1. Estas infraccións poderán dar lugar, segundo a súa gravidade e reiteración, á expulsión inmediata do recinto, suspensión cautelar do título e dereito de acceso, revogación, perda ou baixa do Abono en Marathon Inferior e acceso e permanencia no sector asociado ao mesmo (isto é, Marathon Inferior), perda da prioridade de acceso a tempadas posteriores, retirada de axudas ou beneficios, a suspensión ou resolución dos convenios subscritos con peñas ou colectivos afectados e demais sancións previstas no Regulamento Interno do Club. A infracción das condicións de uso do Abono de Marathon Inferior e/ou das normas de comportamento, convivencia, identificación ou seguridade aplicables ao mesmo levará consigo a suspensión automática do abono, sen dereito a devolución, reintegro, compensación nin indemnización algunha, sen prexuízo da eventual incoación do correspondente expediente disciplinario e das demais responsabilidades que procedan.
  2. O Club poderá adoptar medidas cautelares de suspensión temporal do acceso a esta zona cando teña coñecemento fundado de feitos que poidan comprometer a seguridade ou xustificar a apertura dun procedemento disciplinario, administrativo ou xudicial relacionado con comportamentos violentos ou contrarios á normativa.
  3. O Club poderá así mesmo acordar, por razóns preventivas de seguridade, convivencia, organización, sectorización, control operativo ou protección do interese xeral do evento dentro do recinto deportivo, a reubicación preventiva de determinados abonados, xa sexa de forma individual ou colectiva, mesmo coa adopción de medidas cautelares ou temporais, cando o Club o considere razoablemente necesario.

Norma 11. Cláusula de integración normativa.

  1. Todo o non previsto expresamente nesta regulación rexerase polo Regulamento Interno do Recinto Deportivo, polas Condicións Xerais e Particulares de compra ou uso de abonos e entradas, pola normativa disciplinaria interna do Club e pola lexislación vixente en materia de seguridade, protección de datos e prevención da violencia no deporte.

A solicitude, adquisición, renovación ou utilización do Abono en Marathon Inferior, así como o acceso e permanencia no sector do recinto deportivo asociado a esta modalidade de abono, implicarán a aceptación expresa, íntegra e incondicionada das presentes Condicións Particulares, das Condicións Xerais de Contratación de Abonos, do Regulamento Interno do Recinto Deportivo e do resto da normativa interna e disposicións legais que resulten de aplicación.

Así mesmo, declara coñecer e aceptar expresamente que o Abono de Marathon Inferior é persoal, nominativo e intransferible; que poderá ser obxecto de controis aleatorios de identidade durante o acceso e a permanencia; que a renovación será presencial coa exhibición do DNI e que calquera infracción das condicións de uso ou das normas de comportamento poderá determinar a suspensión automática do abono sen dereito a devolución algunha.