ABANCA-RIAZOR prepárase para vivir outra noite europea mañá mércores 3 de novembro (20:00 horas) coa visita do Maccabi Haifa de Israel no partido de ida da segunda eliminatoria na Ruta de Campións Nacionais da UEFA Youth League. "Todos os xogadores saben como está a ir a cousa en canto a entradas. Vai haber un gran ambiente e esperamos un gran ambiente. Axudounos a poder facer a remontada (na primeira eliminatoria) e mañá vainos a axudar. Gústame e súmanos máis que réstanos", manifestou Manuel Pablo na rolda de prensa previa desta mañá en Abegondo.
O Xuvenil A chega a esta nova cita igualado co RC Celta no liderado do grupo 1º da División de Honra. Ambos os equipos marchan igualados con 25 puntos con idénticas cifras: oito partidos gañados e un só empatado.
En Europa, os de Manuel Pablo apearon na primeira eliminatoria ao MKS Pogoà  Szczecin despois dunha noite máxica que emulou ás históricas do primeiro equipo na Champions League. Após caer 3-0 en Polonia de maneira inxusta e con dous goles no tempo de desconto de cada parte, ABANCA-RIAZOR e #ANOSAFORZA empuxaron a unha histórica remontada aos xuvenís branquiazuis: 4-0.
Máis plácido foi o pase do Maccabi Haifa ante o Zalgiris, campión de Lituania: 0-3 na ida disputada no LFF Stadium de Vilna e, con todo sentenciado, nova vitoria por 2-0 no Netanya Municipal Stadium da localidade israelí de Netanya, a medio camiño entre Tel Aviv e Haifa.
O Xuvenil A contará coa presenza de futbolistas que cada fin de semana adestran e xogan máis arriba: Noel e Yeremay son habituais no primeiro equipo aínda que o canario compite cada fin de semana co filial; do mesmo xeito que Brais Suárez, Juan Rodríguez, Dani Barcia e Mella no Fabril de Óscar Gilsanz.
Os dous equipos adestráronse esta tarde en Abegondo e pola mañá fíxoo o trío arbitral, procedente de Islandia e que ten a Helgi Mikael Jónasson como colexiado principal.
O Club mantén activa a distribución de entradas, para achegar o máximo posible a toda #ANOSAFORZA e arroupar aos xogadores Deportivistas en busca da vitoria.
Todas as socias e socios do Deportivo poderán dispoñer de entrada gratuíta para o partido, que será obrigatoria para acceder ao Estadio, non sendo posible empregar o carné para o acceso. Todos aqueles abonados que desexen retirar unha localidade de calquera das bancadas habilitadas poderán solicitar e escoller a súa entrada correspondente en bancada.rcdeportivo.es.
A través desa páxina, após identificarse co seu ID de Socia/o e os 4 últimos números do DNI, a persoa abonada poderá seleccionar calquera asento dispoñible -marcado en verde na aplicación- que desexe escoller para a súa entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos, só separados polas distancias de seguridade.
Se non se ten carné do Dépor e quérese asistir ao partido tamén é posible comprar entradas, que teñen un destino de carácter social. O prezo das entradas é de 5 euros que serán destinados integramente ao proxecto do Dépor Genuine, promovido pola Fundación RC Deportivo, que esta temporada non conta con patrocinio e que permite a 35 xogadoras e xogadores con Discapacidade Intelectual a súa integración social a través do fútbol.
A compra de entradas para o partido realízase tamén a través da páxina bancada.rcdeportivo.es.

