RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños entra no top-10 dos xogadores que máis veces vestiron a camiseta do Dépor en partido oficial

Álex Bergantiños entra hoxe de cheo en #ANOSAHISTORIA ao acceder ao top-10 dos futbolistas que máis partidos oficiais disputaron co RC Deportivo entre os máis de mil que defenderon a camiseta branquiazul desde 1906.

Transcorreron algo máis de once anos do seu tardío debut co primeiro equipo deportivista, pois antes de dar o salto foi cedido a Xerez CD durante dúas campañas, mentres que noutra máis estivo a préstamo no Granada CF e o Gimnàstic de Tarragona. Álex estreouse co Dépor con 26 anos, o 27 de agosto de 2011, en partido de Segunda División en Riazor ante o Recreativo de Huelva (1-0).

Con anterioridade, Álex disputara diversos amigables co primeiro equipo. O primeiro deles remóntase ao 29 de marzo de 2005, cando o Dépor mediuse ao Atlético Arteixo (6-0) en Riazor nun choque benéfico para recadar fondos para o conxunto branquivermello debido á súa precaria situación económica.

Álex disputou 92 partidos (4 goles) en Primeira División, 152 (5 goles) en Segunda División, 67 en Segunda B ou Primera Federación, 11 en Copa do Rei, 3 (1 gol) en playoff de ascenso a Primeira División e 2 (1 gol) en playoff de ascenso a Segunda División. O capitán branquiazul asinou 11 goles, algún deles histórico como os logrados no Camp Nou (2-2) na Temporada 2015-16 e un curso despois na vitoria ante o FC Barcelona en Riazor (2-1).

Álex pertence á disciplina deportivista desde que ingresou no Club sendo xuvenil, en 2002. Desde a súa chegada procedente do Imperátor son xa 21 temporadas como branquiazul. En 4 delas (2004-2008) formou parte do Fabril, co que disputou 152 partidos que o converten no 11º xogador que máis encontros disputou na historia do filial.

Máis aló das súas actuacións co Deportivo e o Fabril, Álex demostrou ser un exemplo de responsabilidade fóra do campo e de compromiso e limpeza dentro del. Isto último demóstrao o feito de que nos seus máis de 450 partidos no fútbol profesional nunca viu unha cartolina vermella.

Para elaborar esta lista, o RC Deportivo toma en conta calquera encontro no que o xogador saltase polo menos un minuto ao terreo de xogo co primeiro equipo en Liga –xa sexa en Primeira, Segunda, Primera Federación, Segunda B ou Terceira–, Copa de España, Supercopa de España, Copa da Liga, promocións (entre Primeira e Segunda, entre Segunda e Terceira e de ascenso a Primeira ou a Segunda), Liga de Campións, Recopa de Europa, Copa da UEFA, Copa Intertoto e Campionato de Galicia –disputado entre 1917 e 1940–, ademais de calquera partido anterior a 1917 a pesar de non ser considerados oficiais.

Estes son os futbolistas máis partidos oficiais disputaron co RC Deportivo:

Xogador Partidos Anos
1 Fran 700 1987-2005
2 Manuel Pablo 482 1998-2016
3 Mauro Silva 459 1992-2005
4 Valerón 422 2000-2013
5 Donato 393 1993-2003
6 Sergio 383 2001-2010
7 Juan Acuña 381 1937-1955
8 Piña 340 1973-1983
9 Pancho García 331 1975-1985
10 Domínguez 327 1960-1971
10 Álex Bergantiños 327 2011-2017 / 2018-2023