RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#AsNosas manteñen a velocidade de cruceiro en Abegondo (3-1)

O Deportivo ABANCA sumou unha nova vitoria en Abegondo, esta vez ante o Córdoba CF Femenino, nun partido que dominou con claridade e que deixou practicamente visto para sentenza en vinte minutos plenos de maxia e acerto na primeira metade, cando chegaron os tres goles.

Con todo, custoulle ao Dépor ABANCA xerar perigo nos primeiros compases do partido, a pesar de que tivo máis a pelota que o seu rival. A primeira acción destacable chegou no minuto 9, nunha xogada ensaiada nunha falta, con pase a unha Ainhoa Marín incrustada na barreira e á que se lle escapou o control por pouco. Despois tamén se lle escapou o balón das mans a Gordillo, aínda que ningunha deportivista puido aproveitar o seu erro. O primeiro disparo non se produciu até o minuto 19, por medio de Eva Dios desde 25 metros, a mans da porteira visitante.

Con todo, noutra acción a balón parado chegou o primeiro tanto do partido. Foi nun penalti por man, á saída dun saque de esquina, nun despexe dunha defensa visitante que impactou nos brazos de Elisa. Inés Altamira transformouno enganando a Gordillo.

A partir de aí, o Dépor ABANCA desatouse. A porteira cordobesa tivo que sacar a córner un trallazo de Henar desde a frontal da área por alto, no minuto 23. No saque de esquina, Patri López rematou no segundo pau, co pé esquerdo e en posición forzada, por riba do traveseiro.

Tralo primeiro disparo visitante, nun libre directo desde 25 metros lanzado con dureza pola capitá Yanire Ruiz no minuto 26, moi centrado que atrapou Yohana con seguridade, chegou o segundo tanto coruñés. Foi no minuto 28, cando Inés Altamira sacou rapidamente un fóra de xogo na área deportivista para Paula Gutiérrez, que meteu o balón en profundidade pola dereita para a carreira de Ainhoa Marín. A catalá chegou á área a pesar dos agarrones da súa marcadora e, após un recorte, bateu con sutileza a Gordillo na súa saída.

Á media hora, María Barquero tentou sorprender a Yohana cun disparo bombeado desde 30 metros que se foi por moi pouco por riba do traveseiro. O Dépor ABANCA respondeu o minuto 36 cun remate de socato na área de Raquel García que rexeitou Gordillo. Un minuto despois, as branquiazuis aumentaron a súa vantaxe co terceiro tanto, nun centro de Charle desde a esquerda que cabeceou de maneira incontestable Carlota Suárez, por riba de defensas e porteira, ao fondo das mallas. A propia dianteira deportivista viu adiantada a Gordillo após unha recuperación en mediocampo, no minuto 39, e tentou batela desde 45 metros. A porteira andaluza recuou a tempo para desviar o esférico o xusto para envialo a córner.

A segunda parte arrancou co primeiro dos dous balóns á madeira por parte deportivista. No minuto 48, Charle centrou desde a esquerda para a chegada ao segundo pau de Carlota Suárez, cuxo remate coa bota dereita estrelouse contra o poste esquerdo da meta verdibranca.

No minuto 53, Paula Gutiérrez plantouse man a man con Gordillo nun balón longo de Inés Altamira pero o seu disparo atrapouno a gardameta. Catro minutos despois, Charle sacouse un zambombazo após unha internada pola esquerda que desviou Gordillo a saque de esquina.

O Córdoba CF Femenino tentouno de lonxe, cun disparo desde 30 metros de María Barqueiro, fácil para Yohana, no minuto 66, e cinco máis tarde recortou distanciasen un libre directo bombeado desde 30 metros de Elisa que superou a estirada da gardameta branquiazul. A mesma Elisa, no minuto 78, estrelou a pelota no traveseiro nun novo libre directo bombeado desde 30 metros. A madeira horizontal tamén repeleu, no minuto 81, un disparo de Charle á conclusión dun contragolpe.

Con este triunfo, o sexto en sete partidos en Abegondo, onde sumaron 19 dos 21 puntos en xogo, #AsNosas alcanzan os 24 puntos após 12 partidos, subidas ao liderado provisional a falta de disputarse mañá domingo os outros 7 encontros da 12ª xornada.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Patri López (Carlota Sánchez, min. 84), Henar (Letti, min. 59), Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Millene, min. 59), Eva Dios (Monteagudo, min. 73), Charle e Carlota Suárez.

Córdoba CF Femenino: Carmen Gordillo, Esojo (Sheyla Andino, min. 56), Andrea Palacios (Adriana, min. 82), Moreira, Yanire Ruiz, Noe (María Lara, min. 82), Ocón (Rodri, min. 70), Cintia Hormigo, Elisa, Maral (Lorena Guillén, min. 70) e María Barquero.

Goles: 1-0 Inés Altamira, de penalti (min. 21); 2-0 Ainhoa Marín (min. 28); 3-0 Carlota Suárez (min. 37); 3-1 Elisa (min. 71).

Árbitra: Melissa López Osorio (c. estremeño). Expulsou con vermella directa a María Morilla (min. 79), suplente do Córdoba CF Feminino, e por dobre amarela a Yanire Ruiz (min. 89). Cartón amarelo a Andrea Palacios (min. 18), Letti (min. 69) e Yanire Ruiz (min. 89).

Incidencias: partido da 12ª xornada de Primeira Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.