RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlota Sánchez amplía un curso máis a súa vinculación co Dépor ABANCA

Carlota Sánchez Sánchez (A Coruña, 21 de xaneiro de 2002) renovou por unha temporada o seu compromiso co Deportivo ABANCA, pasando a ser futbolista do primeiro cadro para todos os efectos.

Formada inicialmente nos equipos masculinos do CD Calasanz e posteriormente na estrutura feminina do Orzán SD, Carlota Sánchez incorporouse ao Deportivo ABANCA no curso 2017-2018. Despois de tres campañas no Dépor ABANCA B, na Temporada 2020-2021 deu o salto definitivo ao primeiro equipo, co que xa se estreou oficialmente ao comezo da súa segunda temporada no Club.

Internacional sub-17 e sub-19 en numerosas ocasións, a centrocampista coruñesa debutou co Dépor ABANCA con 16 anos (o 23 de setembro de 2018 fronte ao CD Monte en Abegondo) e en Primera Iberdrola con 17. Desde entón disputou 45 encontros co Deportivo ABANCA: 10 en Primera Iberdrola, 26 en Reto Iberdrola, 1 de playout de Reto Iberdrola, 6 en Segunda División e 2 en Copa da Raíña, nos que marcou 2 goles (1 en Segunda e 1 en Copa).

Aproveitando as vacacións de verán, a futbolista coruñesa foi sometida a unha operación cirúrxica para solucionar unhas molestias que arrastraba no seu xeonllo esquerdo. A intervención foi realizada polo traumatólogo Rafael Arriaza e contou coa presenza do doutor Alejandro Mejuto, membro dos Servizos Médicos do Real Club Deportivo.

Carlota Sánchez súmase ao cadro deportivista tralas renovacións de Ainhoa Marín, Inés Altamira, Paula Gutiérrez, Raquel García, Patri López e Aroa, máis Cris Martínez e Eva Dios, con contrato en vigor, e as fichaxes de Carlota Suárez, Millene Cabral e Marta Charle.