RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Derrota pola mínima do Dépor ABANCA ante un SD Eibar só superior en eficacia

O SD Eibar, equipo recentemente descendido de Primeira División, mediu está tarde a progresión do Dépor ABANCA.

O encontro ante as eibarresas, terceiro nesta pretemporada para as branquiazuis, disputouse no campo de fútbol de Santianes, en Colunga (Asturias).

Até a data todo foron boas noticias para as pupilas de Irene Ferreras, que conquistaron nos seus dous primeiros partidos o Trofeo Cidade de Gaia ante o Valadares Gaia FC (2-4) e o Teresa Herrera ante outro equipo luso, o FC Famalicão (2-2 e 5-3 por penaltis), após unha gran segunda parte en ABANCA-RIAZOR.

Hoxe o marcador non foi favorable, pero as sensacións foron practicamente as mesmas, posto que as vascas só foron superiores en eficacia de cara ao gol.

Os primeiros 45 minutos, igualados e caracterizados por un xogo moi físico, acabaron con triunfo parcial do SD Eibar, que se adiantou no marcador aos 34 minutos cun gol de Campos no seu único achegamento á meta branquiazul.

O Dépor ABANCA creou perigo sobre todo nas botas de Ainhoa Marín, quizais agora mesmo unha das súas futbolistas máis desequilibrantes.

A mala noticia foi o cambio obrigado de Letti Sevilla a consecuencia dunha contusión nun xeonllo.

Tralo descanso, os dous equipos comezaron a ver porta. O SD Eibar marcou o segundo grazas a Jone pero inmediatamente Ainhoa Marín recortou diferenzas e estableceu o 1-2 definitivo.

O encontro seguiu a mesma tónica a pesar dos cambios que ambos os equipos realizaron na recta final: máxima igualdade e poucas ocasións de gol nun bo test de pretemporada para o Dépor ABANCA.

Deportivo ABANCA: Lucía, Patri López, Raquel García, Inés, Paula Novo (Lorena Reina, min. 46), Henar, Letti Sevilla (Paula Gutiérrez, min. 30), Eva Dios (Millene, min. 46), Marta Charle (Tati Barcia, min. 82), Ainhoa Marín e Carlota Suárez (Marta Rico, min. 82).

Tralo choque, o Dépor ABANCA adestrarase de novo mañá xoves 18 ás 10:00 en Abegondo. O domingo 21 de agosto ás 19:00 horas, #ASNOSAS visitarán ao Viajes InterRías FF, de Segunda Federación Feminina, co Trofeo Concello de Sanxenxo en xogo.

O calendario de pretemporada do Dépor ABANCA, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Valadares Gaia FC 2 - Deportivo ABANCA 4 (Carlota Suárez, Millene -2- e Eva Dios)
Deportivo ABANCA 2 (Paula Gutiérrez e Inés Altamira) - FC Famalicão 2. A penaltis: 5-3 (X Trofeo Teresa Herrera)
Deportivo ABANCA 1 (Ainhoa Marín) - SD Eibar 2
Viajes InterRías FF - Deportivo ABANCA (Trofeo Concello de Sanxenxo), domingo 21 de agosto, 19:00 horas, campo Novo San Pedro (Vilalonga, Pontevedra)
Deportivo ABANCA - Real Oviedo (Trofeo Emma Cuervo), domingo 28 de agosto, 18:00 horas, Estadio Pepe Barrera (Ribadeo, Lugo)
Deportivo ABANCA - Athletic Club B, sábado 3 de setembro, 18:00 horas, Campo Municipal Les Caleyes (Villaviciosa, Asturias)