RCD / NOVAS

Fernando Vázquez volve ser adestrador do Deportivo

29/12/2019 21:15

Fernando Vázquez Pena (Castrofeito, A Coruña, 24 de outubro de 1954) regresa ao banco do Deportivo cinco anos e medio despois da súa saída, asinando polo que resta de temporada e dúas campañas máis. 

O técnico xa adestrou ao Deportivo entre o 11 de febreiro de 2013 e o 8 de xullo de 2014. Nese lapso de tempo dirixiu ao equipo branquiazul en 59 partidos, divididos entre 15 en Primeira División, 42 en Segunda e 2 en Copa do Rei.

Vázquez chegou ao Deportivo para substituír a Domingos Paciência após a 23ª xornada da campaña 2012-2013, cando o Deportivo era pechacancelas do campionato de Primeira División. A pesar de comezar perdendo no Ramón Sánchez Pizjuán fronte ao Sevilla FC (3-1, o 15 de febreiro de 2013) o equipo mellorou sensiblemente, chegando a saír da zona de descenso, feito que finalmente non puido evitar após caer na última xornada fronte á Real Sociedad (0-1).

Na súa segunda campaña, a 2013-2014, dirixiu ao Deportivo ao seu último ascenso á máxima categoría até a data. O seu último partido como técnico branquiazul foi o derradeiro daquela temporada, ante o Girona FC en Montilivi, o 7 de xuño de 2014, curiosamente resolto co mesmo marcador que o seu debut, unha derrota por 3-1.

Ao longo da súa dilatada carreira, Vázquez tamén foi adestrador de Lalín, Racing de Ferrol, Lugo, Compostela, Oviedo, Mallorca (en dúas etapas), Betis, Las Palmas, Rayo Vallecano, Valladolid e Celta de Vigo, ademais de seleccionador galego xunto a Arsenio Iglesias. No seu currículo figuran un total de 357 partidos dirixidos en Primeira División, outros 151 en Segunda, 57 en Copa do Rei e 20 na Copa da UEFA.

O preparador de Castrofeito tomará as rendas do equipo mañá mesmo, ás 11:00 horas en Abegondo, e despois fará as súas primeiras declaracións como novo preparador branquiazul

Máis novas de: FERNANDO VAZQUEZ